Hoxe é Mércores 29 de Xullo de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Aloha Redondela: a Shopping Night xa toma as rúas da vila

presentación-SHOPPING-NIGHT-2026

Redondela xa luce a decoración da Aloha Shopping Night 2026, a gran cita estival do comercio local que este venres 31 de xullo volverá transformar as rúas da vila nun espazo de compras, lecer e animación. Preto de medio cento de establecementos participan nesta iniciativa impulsada pola Asociación de Empresarios de Redondela, enchendo escaparates e fachadas con elementos tropicais inspirados na cultura Aloha, símbolo de benvida, hospitalidade e proximidade coa clientela.

A presentación oficial da decoración serviu para amosar o traballo realizado polos comerciantes, que preparan unha edición na que a ambientación terá un papel protagonista. A temática estará presente nas tendas, na iluminación, na música e tamén nas tendas efémeras que se instalarán na Praza da Constitución, convertendo o percorrido comercial nun espazo festivo pensado para atraer tanto á veciñanza como ás persoas visitantes.

A representante da Asociación de Empresarios, Julia Alonso, explicou que o obxectivo é ofrecer “unha noite diferente en Redondela”, na que os establecementos abrirán con ofertas, promocións, sorteos, degustacións e actividades especiais. “Temos preparado case medio centenar de comercios abertos con ofertas, promocións, actividades, descontos e sorteos para converter Redondela nun referente de ocio e compra local nesta xornada de verán”, sinalou.

A Shopping Night volverá coincidir co Festival de Artistas de Rúa organizado polo Concello de Redondela, unha combinación que, segundo Alonso, demostrou o seu éxito nas edicións anteriores. “A coincidencia destas dúas actividades xera unha sinerxía positiva polo seu espírito complementario”, destacou.

A temática Aloha tamén marcará os agasallos e a decoración dos establecementos. A asociación facilitará materiais comúns, aínda que cada comercio poderá personalizar os seus espazos para reforzar o ambiente festivo. “Motivamos a que cada tenda teña liberdade para potenciar esta temática nas súas instalacións”, indicou a representante empresarial.

Entre as novidades desta edición figura o Pasaporte Aloha, que permitirá ás persoas compradoras selar as súas compras nos distintos establecementos participantes para entrar no sorteo de vales de compra que posteriormente poderán gastar no propio comercio local. Ademais, repartiranse bolsas reutilizables de gran tamaño para facilitar as compras en varios establecementos e reducir o uso de embalaxes dun só uso, reforzando así o compromiso coa sustentabilidade.

Durante a xornada tamén haberá descontos especiais propios das rebaixas de verán, aos que se sumarán promocións sobre artigos da nova tempada. Segundo explicou Julia Alonso, algunhas ofertas chegarán ata o 70 % de desconto, mentres que as novas coleccións contarán con rebaixas de entre o 10 e o 20 %. “É unha oportunidade única para descubrir todas estas promocións especiais que teñen preparadas as tendas para a clientela”, afirmou.

A maior parte dos establecementos participantes pertencen aos sectores da moda, o calzado e os complementos, aínda que a Shopping Night reunirá unha oferta comercial moi diversa, con negocios de fogar, tendas de xogos e infantís, librarías ou artesanía, entre outros. A isto sumaranse tamén as tendas efémeras da Praza da Constitución e a participación da hostalaría, que contribuirá á ambientación da noite.

Desde a Asociación de Empresarios destacan que a Shopping Night é xa unha das accións de dinamización comercial máis importantes do ano para o tecido empresarial local.

A Asociación de Empresarios agradece a colaboración da Xunta de Galicia e do Concello de Redondela, cuxo apoio institucional e loxístico resulta fundamental para consolidar a Shopping Night como unha das grandes citas comerciais e culturais do verán.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará