Foto de Rita Pérez e Roberto Villar
Os roteiros e visitas guiadas percorrerán diferentes parroquias do municipio para divulgar o patrimonio histórico e natural. A programación incorpora estreas como a “Orientaventura Cultural” en Vilar de Infesta, unha ruta sobre os usos tradicionais das plantas e un novo percorrido polo río Pexegueiro.
O Concello de Redondela presenta unha nova edición dos Roteiros Ambientais e Culturais, unha programación que ao longo do mes de agosto ofrecerá un total de 16 actividades gratuítas —agás as saídas en kayak— destinadas a achegar á veciñanza e ás persoas visitantes a riqueza histórica, cultural e ambiental do municipio.
Tras a boa acollida das edicións anteriores, o programa amplía a súa oferta con novas propostas e actividades orientadas ao público familiar, mantendo o obxectivo de divulgar o patrimonio local da man de guías profesionais que enriquecen cada percorrido con explicacións sobre a historia, a paisaxe e a biodiversidade de Redondela.
Entre as principais novidades figura a “Orientaventura Cultural” de Vilar de Infesta, prevista para o martes 25 de agosto. Trátase dunha actividade participativa dirixida a familias e rapazada de entre 10 e 15 anos que combina orientación e coñecemento do patrimonio da parroquia. Tamén se incorpora ao calendario a ruta “Usos das Plantas da Vila”, un itinerario botánico que permitirá descubrir as aplicacións tradicionais da flora local.
A programación complétase con novos percorridos ambientais como “Terras de Saxamonde e Vilar de Infesta” ou a ruta longa polo río Pexegueiro, ademais de propostas xa consolidadas como os paseos polo litoral de Cesantes e Soutoxuste, as visitas ao Cemiterio dos Eidos, o roteiro dedicado ás mulleres da vila ou as actividades en kayak na Portela e na enseada de San Simón.
A concelleira de Cultura e Turismo, Rita Pérez, destaca o carácter divulgativo da iniciativa e o seu valor para fortalecer o vínculo coa historia local. “Queremos que a veciñanza e os visitantes se convertan en dinamizadores do noso propio relato histórico. Coa Orientaventura e os novos paseos urbanos abrimos o abano para que a mocidade e as familias descubran o noso patrimonio cultural, que está vivo e accesible para todos”, sinala.
Pola súa banda, o concelleiro de Infraestruturas e Sostibilidade, Roberto Villar, pon o foco na dimensión ambiental do programa. “Os trazados por Ventosela ou Saxamonde demostran o noso compromiso coa divulgación ambiental e a posta en valor do noso interior. Deseñamos estes dezaseis roteiros para gozar da nosa enorme biodiversidade sen deixar pegada, promovendo un turismo sostible que coida os nosos ríos, montes e o litoral”, afirma.
A maior parte das actividades son gratuítas. Unicamente as dúas saídas en kayak teñen un custo de 20 euros por persoa. En todos os casos é necesario realizar reserva previa, xa que as prazas son limitadas.
Programación de agosto
- 1 de agosto (sábado): Paseo nocturno polo río Maceiras (21.00-23.00 h).
- 2 de agosto (domingo): Ruta ambiental “A Intermareal de Cesantes” (10.00-13.00 h).
- 4 de agosto (martes): Visita guiada ao Cemiterio dos Eidos (19.00-20.00 h).
- 9 de agosto (domingo): Ruta ambiental “As Pedras de Ventosela” (09.30-13.00 h).
- 9 de agosto (domingo): Ruta ambiental “Usos das Plantas da Vila” (19.00-21.00 h).
- 11 de agosto (martes): Visita guiada “As Mulleres da Vila: Da Historia á Memoria” (19.00-20.00 h).
- 18 de agosto (martes): Visita guiada ao Cemiterio dos Eidos (19.00-20.00 h).
- 21 de agosto (venres): Kayak turístico á Portela (11.00-12.30 h).
- 21 de agosto (venres): Paseo nocturno de observación xeográfica, histórica e natural da ría de Vigo (20.00-22.30 h).
- 23 de agosto (domingo): Ruta ambiental “Terras de Saxamonde e Vilar de Infesta” (10.00-13.00 h).
- 25 de agosto (martes): Visita guiada “As Mulleres da Vila: Da Historia á Memoria” (19.00-20.00 h).
- 25 de agosto (martes): Orientaventura Cultural de Vilar de Infesta (19.00-21.00 h).
- 29 de agosto (sábado): Ruta ambiental longa “O Río Pexegueiro” (09.00-13.00 h).
- 29 de agosto (sábado): Visita teatralizada ao Museo Meirande (16.30 e 18.00 h).
- 30 de agosto (domingo): Ruta ambiental “O Litoral de Soutoxuste” (10.00-13.00 h).
- 30 de agosto (domingo): Kayak na enseada de San Simón (10.30-13.00 h).
As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición na Oficina Municipal de Turismo, chamando ao 986 401 713 ou escribindo ao correo turismo@redondela.gal.










