O Concello de Redondela conmemorará o Día de Galicia cunha ampla programación musical que se desenvolverá na noite do 24 na Praza da Casa da Torre con protagonismo para a música tradicional a cargo das agrupacións Anaquiños, Froles Mareliñas, Airiños de San Simón e O Carballo das Cen Pólas. O 25 de xullo a música trasladarase ao paseo Marítimo de Chapela con Noite, De Vacas, Dakidarría e Hugo GZ.
A programación arrancará o 24 de xullo na Praza da Torre de Redondela, onde terá lugar o tradicional acto institucional ás 20:30 horas. A xornada contará coa participación das agrupacións Anaquiños, Froles Mareliñas, Airiños de San Simón e O Carballo das Cen Pólas, que ofrecerán unha homenaxe á música e ao folclore galegos.
Xa o 25 de xullo, data na que se conmemora o Día Nacional de Galicia, a celebración trasladarase ao Paseo Marítimo de Chapela, cunha noite dedicada á música en directo. O programa comezará ás 20:30 horas coa actuación da artista local Noite. Ás 22:00 horas será a quenda de De Vacas, unha das formacións máis recoñecidas do panorama musical galego, quen achegará a Redondela o seu novo espectáculo “Rebovina Divas live” co que queren homenaxear ás grande divas do pop dos 90 como Whitney Houston, Céline Dion, Mónica Naranjo ou Beyoncé.
A continuación subirase ao escenario Dakidarría, un dos grupos de referencia do rock e ska galego. A festa rematará coa actuación de Hugo GZ, que pechará a celebración cun concerto que se prolongará ata a madrugada.
Deste xeito, o Concello de Redondela ofrece unha programación diversa para o Día da Patria galega combinando tradición e música contemporánea na Casa da Torre en Redondela e no Paseo marítimo en Chapela.











