O nadador do Club de Natación Redondela, Miguel Rey, asinou unha actuación histórica no Campionato de España Infantil de Verán, que se celebrou do 16 ao 19 de xullo nas instalacións do Club Natación Metropole, en Gran Canaria ao proclamarse campión de España na proba dos 50 metros braza e lograr o bronce na proba de 100 metros braza.
Rey impúxose na gran final cun tempo de 30.46 segundos, un rexistro que lle permitiu non só conquistar o título nacional, senón tamén rebaxar en máis dun segundo a Mellor Marca Galega (MMG) de 15 anos. O propio nadador xa batera ese récord durante a sesión matinal, antes de superarse de novo na final.
Ademais, o representante do Club de Natación Redondela completou un campionato excepcional ao proclamarse tamén terceiro de España nos 100 metros braza, conseguindo a medalla de bronce cun tempo de 1’07’’, confirmando o seu gran estado de forma nas probas de braza.
Con estes resultados, Miguel Rey convértese no bracista infantil máis rápido de España nos 50 metros e consolídase como unha das grandes promesas da natación nacional. Ademais, é o nadador galego máis rápido da historia na súa categoría nesta especialidade, confirmando a extraordinaria progresión que vén protagonizando nas últimas tempadas.
Este éxito é o resultado do intenso traballo realizado tanto polo deportista como pola súa adestradora, Nuria Otero, cuxa planificación e preparación foron claves para alcanzar un novo fito na historia do Club de Natación Redondela.









