Hoxe é Venres 19 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Unha aplicación para mellorar a experiencia dos peregrinos en Redondela gaña o Teen Activa Local

asociación empresarios

“Peregrino Hub Redondela” é o nome da App creada por un grupo de seis estudantes do Colexio Vigo que se fixo merecedora dos 500 euros do concurso convocado pola Asociación de Empresas de Redondela. O certame “Teen Activa Comercio Local”, busca achegar novas ideas para fortalecer e modernizar o comercio local mediante o uso de ferramentas innovadoras e da intelixencia artificial, celebrou este xoves a súa entrega de premios.

Seis foron os equipos finalistas cuxas propostas se centraron maioritariamente na renovación da imaxe dos establecementos comerciais, con iniciativas relacionadas co deseño de logotipos, escaparates, cartelería, merchandising e outras ferramentas orientadas a modernizar a presenza dos negocios locais.

Con todo, o proxecto que logrou convencer ao xurado foi unha proposta que foi máis aló da modernización estética do comercio. O primeiro premio, dotado con 500 euros, recaeu no equipo “Os Peregrinos” do Colexio Vigo, integrado por Iago Otero Rodríguez, Iago Chorén España, Jaime Andrés Suárez León, Paola Blanco López, Itzan Juncal Pequeño e Mateo Rodríguez Valverde.

O grupo presentou “Peregrino Hub Redondela”, unha aplicación deseñada para facilitar a estancia dos milleiros de peregrinos que cada ano atravesan o municipio. A ferramenta permitiría acceder a información sobre albergues, hoteis, restaurantes e outros servizos de hostalaría, así como descubrir rutas para coñecer o patrimonio local. Ademais, a aplicación incorporaría funcións para realizar reservas de aloxamento ou contratar servizos complementarios, como o transporte de mochilas.

Segundo explicaron os seus creadores, a idea naceu ao detectar a importancia que ten o fluxo constante de peregrinos para a economía local. Iago Chorén recoñeceu que inicialmente o grupo valorou desenvolver outro proxecto, pero finalmente decidiu centrar a súa proposta nun colectivo que representa unha oportunidade estratéxica para o comercio de proximidade. Os estudantes destacan que cada día pasan por Redondela arredor de 550 peregrinos, unha cifra que converte este perfil de visitante nun potencial cliente para numerosos negocios da vila.

Durante o acto, a xerente da Asociación de Empresas de Redondela, Julia Alonso, puxo en valor “o enorme potencial creativo da mocidade de Redondela e a importancia de escoitar as súas propostas para construír un comercio máis moderno, atractivo e sostible”. Alonso tamén agradeceu a implicación dos centros educativos, do profesorado e dos representantes da corporación municipal, subliñando que son pezas fundamentais para conectar formación, innovación e realidade empresarial.

Desde a AER salientan que iniciativas como Teen Activa Local contribúen a dar visibilidade ao talento xuvenil, fortalecer os vínculos entre a mocidade e o tecido empresarial e promover unha visión positiva do comercio local como un espazo de oportunidades, innovación e futuro.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará