Hoxe é Venres 19 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Alén Nós denuncia novos danos nos piares de Torres Agrelo cinco meses despois da primeira alerta

alén nós

A Asociación Cultural, que xa denunciara hai cinco meses o esnaquizamento deste elementos do patrimonio histórico local, alerta agora do agravamento dos estragos nun dos piares de entrada ao Pazo de Torres Agrelo que acada de ser completamente mutilado na súa parte superior. Acusan ao Concello de absoluta pasividade e reclaman a inclusión destes monolitos no catálogo de elementos patrimoniais protexidos do PXOM así como o seu traslado a un lugar máis axeitado.

Alén Nós denuncia o agravamento do deterioro que presentan os monolitos que se atopan na entrada de Torres Agrelo cun dos piares ornamentaris completamente mutilado na súa parte superior.

Unha denuncia que chega cinco meses despois de que o colectivo xa alzara a voz de alarma cando esta estrutura, que data do ano 1865, sufrira a caída de dous dos pináculos ameados de granito dos catro que coroaban a estrutura. Alerta de que agora a situación é moito peor xa que o cumio do piar aparece completamente removido e roto. “Os pináculos foron literalmente varridos polo impacto do paso continuado dos vehículos de gran tonelaxe” explican dende o Colectivo.

Responsabilizan desta situación ao Concello de Redondela xa que din “resulta intolerable que en tan pouco tempo un monumento centenario fose reducido a cascallos sen que a administración fixese nada por evitalo, cando xa se advertira da situación”. Engaden que tampouco ningunha das empresas que utilizan este paso diariamente se fai responsable dos estragos e, o que é máis grave “desde a administración local aínda non se depurou ningún tipo de responsabilidade nin se aplicou ningunha sanción, amosando unha compracencia inaceptable ante o espolio do noso patrimonio”.

Alén Nós volve reiterar a necesidade de incluír estes piares no catálogo de elementos patrimoniais protexidos do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Redondela. “Carecer desta catalogación oficial é unha temeridade que deixa o monumento desarmado ante a agresión da actividade industrial”.

Trasladaron tamén ao Concello unha proposta detallada para mover os dous piares a unha zona moito máis segura e espazosa, situada a apenas cen metros de distancia, xusto na entrada da estrada que conduce directamente ao recinto do Pazo de Torres Agrelo, onde desaparecería o risco de seren derrubados.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará