O IES de Chapela prepara profesionais para unha sociedade máis accesible coa oferta dun ciclo superior de FP de mediación comunicativa. O obxectivo principal desta formación é reforzar un ámbito clave dentro da educación inclusiva. O seu alumando adquirirá competencias para traballar con persoas xordas, xordocegas e con discapacidade auditiva. As persoas interesadas en adquirir esta formación teñen ata o 30 de xuño para presentar as súas solicitudes a través da aplicación Ciclos Admisión (www.edu.xunta.gal/ciclosadmision/)
O IES Chapela iniciou no curso 25-26 unha formación pioneira, o Ciclo Superior de Mediación Comunicativa, converténdose no único centro público do sur de Galicia en impartir este ciclo incluído na rama de Servizos á Comunidade. Ata o de agora o alumnado que quería cursar esta especialidade nun centro público tiña que desprazarse á Coruña.
Unha formación cun marcado carácter social e que está orientado a todas as persoas que queren facer “un mundo mellor e que creen firmemente na inclusión” tal e como nos explicaba a profesora de Lingua de Signos do centro, Paula Fernández.
Ao longo do ciclo, os participantes aprenderán entre lingua de signos, adquirindo o alumnado o nivel B2 pero tamén outros moitos recursos e ferramentas que lles permitirán establecer procesos de comunicación fluída, accesible e clara entre persoas con diversidade funcional.
Unha formación que espertará un especial interese entre o alumnado que xa cursara algunha rama de Servizos á comunidade que poderá así especializarse de cara a facilitar a integración das persoas que padecen algunha discapacidade que dificulta a súa comunicación, pero está aberta a outros moitos perfís.
Paula Fernández explicaba cales son algunhas das saídas laborais para as persoas que realicen esta formación “cada vez máis demandada porque estamos avanzando cara unha sociedade máis inclusiva e máis accesible que busca mecanismos para integrar a comunidade xorda, xordocega e persoas con dificultades de audición e de comunicación”.
Os servizos que prestan os técnicos e técnicas superiores en Mediación Comunicativa inclúen os ámbitos asistenciais, educativos, sociolaborais, psicosociais e de apoio nas xestións básicas. Tamén exercen a súa actividade no sector dos servizos á comunidade, nos ámbitos da dinamización comunitaria e na promoción de igualdade de oportunidades con estes colectivos de persoas.
O prazo de presentación de solicitudes remata o 30 de xuño ás 13:00 horas a través da aplicación Ciclos Admisión (www.edu.xunta.gal/ciclosadmision/)








