Os traballos, executados pola emrpesa pública Seaga, afectan a 27 parcelas privadas e preto de 30.000 metros cadrados nas parroquias de Cedeira, Chapela, Vilar de Infesta e Trasmañó que presentan risco de incendio. Os propietarios deberán asumir os custos da actuación. O goberno local xa solicitou ao Seaga a actuación sobre un novo lote de parcelas.
O Concello de Redondela iniciou esta semana os traballos de limpeza subsidiaria e xestión de biomasa en parcelas forestais privadas que presentan risco de incendio, unha actuación que se desenvolverá sobre un total de 27 predios distribuídos por diferentes parroquias do municipio.
As tarefas de tala e roza comezaron na zona da Murada, en Rande, e continuarán nos vindeiros días en distintos puntos de Cedeira, Chapela, Vilar de Infesta e Trasmañó. Os traballos son executados pola empresa pública Seaga ao abeiro do convenio de colaboración que mantén co Concello.
A intervención abrangue unha superficie forestal próxima aos 28.500 metros cadrados e céntrase en áreas consideradas estratéxicas pola súa proximidade a vivendas e núcleos de poboación, situadas dentro das franxas secundarias de protección contra incendios forestais.
Segundo explicou o Concello, a execución subsidiaria realízase unha vez esgotado o prazo legal concedido aos propietarios para cumprir coa súa obriga de limpeza das parcelas. En consecuencia, serán os titulares dos terreos os que deberán asumir posteriormente os custos derivados da actuación municipal.
A alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, destacou que a medida responde á necesidade de reforzar a prevención ante o risco de incendios forestais. “A nosa prioridade absoluta é protexer as vidas e os bens dos veciños e veciñas de Redondela. Dende o Concello esgotamos todas as vías previas antes de asumir a execución destes traballos para evitar situacións de perigo en puntos especialmente sensibles”, sinalou.
Pola súa banda, o concelleiro de Medio Ambiente, Alberto Álvarez, explicou que o operativo foi planificado para actuar de maneira prioritaria nas zonas onde a acumulación de vexetación supón unha maior ameaza para as vivendas. “As brigadas comezan polos puntos máis vulnerables, pero continuarán traballando de forma progresiva no resto das parcelas incluídas nesta campaña”, indicou.
Ademais da limpeza da biomasa, a normativa vixente contempla o comiso da madeira procedente de especies consideradas pirófitas, como eucaliptos e piñeiros, así como a tramitación das correspondentes sancións administrativas aos propietarios incumpridores.
O goberno local confirmou tamén que xa solicitou a Seaga a actuación sobre un novo lote de parcelas incluídas no convenio correspondente ao ano 2026.
Reboreda, zona prioritaria
O Concello lembrou que a parroquia de Reboreda foi incorporada ao Plan de Prevención e Defensa contra os Incendios Forestais de Galicia (Pladiga) como zona prioritaria, debido aos graves incendios rexistrados nos últimos anos. Neste contexto, os propietarios de terreos situados nun raio de 50 metros arredor de vivendas e núcleos habitados poden solicitar o servizo de roza a través de Seaga cunha tarifa bonificada. O trámite pode realizarse directamente a través do Concello de Redondela.








