Hoxe é Luns 8 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Homenaxe a Manuel González “O Fresco” en Pazos de Borbén

o fresco

O Monte do Galleiro acolleu este sábado unha homenaxe a Manuel González “O Fresco”, unha das figuras máis representativas da resistencia antifranquista na comarca. O acto estivo organizado polo BNG de Pazos de Borbén co obxecto de manter viva a memoria de quen sufriron a represión e loitaron pola liberdade e a democracia.

O acto desenvolveuse ante a placa conmemorativa instalada en setembro de 1999 impulsada naquela altura por militantes e simpatizantes nacionalistas, entre eles Domingo Amoedo e outras persoas comprometidas coa defensa da memoria democrática. Na homenaxe desta fin de semana interviron veciños e veciñas así como o voceiro do BNG en Pazos, Xurxo Pardo Besadío e a edil do Bloque en Ponteareas e deputada no parlamento galego,  Cristina Fernández.

Na súa intervención, Besadío destacou que “a memoria non é só unha cuestión de pasado, senón tamén unha ferramenta para construír o futuro”, e reivindicou a necesidade de seguir poñendo en valor figuras como Manuel González “O Fresco”, “un exemplo de dignidade e resistencia fronte ao fascismo”.

O representante nacionalista defendeu tamén que Pazos de Borbén debe aspirar a converterse nun referente na recuperación e difusión da memoria histórica local, recoñecendo ás persoas que defenderon a liberdade e sufriron a represión franquista.

Durante o acto lembráronse tamén outras figuras da loita antifranquista galega, como Moncho Reboiras, asasinado pola ditadura franquista en 1975. Neste sentido, denunciouse a existencia de discursos que pretenden desvirtuar ou banalizar a memoria das vítimas da represión, ao tempo que se reivindicou a importancia de preservar a verdade histórica fronte a calquera intento de revisión ou manipulación.

Desde o BNG de Pazos de Borbén salientaron que actos como este son fundamentais para transmitir ás novas xeracións os valores da liberdade, da xustiza social e da democracia, advertindo de que “os dereitos conquistados non están garantidos para sempre e deben ser defendidos cada día”.

A xornada completouse con actuacións musicais e un encontro de convivencia entre as persoas asistentes, nun ambiente de lembranza e compromiso coa memoria democrática.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará