Hoxe é Mércores 3 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Arrancan as Festas da Coca con pregón de Carla Abad, elaboración de alfombras e actuación de Panorama

alfombra concello

Fotos: Festa da Coca 2025

As festas da Coca arrancan oficialmente na xornada de hoxe mércores cun pregón que se poderá escoitar ás 20:00 horas na Praza do Concello a cargo de Carla Abad, vicepresidenta da Federación galega de balonmán e adestradora das categorías base da SAR. A orquestra Panorama actuará ás 22:00 horas no Campo da Feira.

A elaboración nas rúas das alfombras florais supoñen un dos momentos máis esperados para todas esas mulleres que durante as últimas semanas traballaron na preparación de todo o material necesario. Foron días de elixir e preparar a flor e o resto dos elementos que nesta tarde noite esparexeranse sobre eses deseños debuxados ao longo da rúa Alfonso XII, Isidioro Queimaliños, Reveriano Soutullo, na praza da Casa da Torre ou na praza do Concello.

Uns tapices florais sobre os que este xoves da Coca pasará a procesión en torno ás 13:00 horas. Unhas alfombras que son posibles grazas a ese traballo previo realizado en diferentes locais e no que durante as últimas horas as voluntarias traballaron arreo para separar pétalos, preparar a tuia e ter listo todo o material que se empregará esta tarde noite.

Co gallo da elaboración destas alfombras o tráfico permanecerá pechado no centro urbano dende as 14.30 horas da tarde.

A programación deste mércores inclúe as seis da tarde o desfile de xigantes e cabezudos acompañados do grupo de gaitas Airiños de San Simón, as 19:30 horas a Orquestra de Saxos ofrecerá un concerto na Praza do Concello e a continuación terá lugar a lectura do pregón a cargo de Carla Abad Alonso, nun acto no que terá lugar tamén o tradicional relevo das penlas e a homenaxe aos alfombristas e a Danza das Espazas.

A xornada inclúe tamén o concerto da Orquestra Panorama ás dez da noite no Campo da feira.

Danza das espadas e as Penlas

A programación de mañá, Xoves da Coca e día grande das festas arrancará xa as 11:00 horas co traslado da Virxe “A Gabacha” desde Vilavella á Igrexa de Santiago, coa Danza das Espadas, as Penlas e a Banda de Música de Redondela.

Ao mediodía terá lugar o desfile da Coca acompañada dos Mordomos e Diañiños, Xigantes e Cabezudos coa música de Son do Castro así como os actos relixiosos na Igrexa de Santiago.

Rematada a misa partirá a procesión polas rúas decoradas de flores e terá lugar un dos actos máis esperados: o baile homenaxe da Danza das Espadas e das Penlas na Praza da Constitución.

Pola tarde a Banda de Música de Redondela ofrecerá un concerto ás seis na Alameda de Castelao e as 19:30 ofrecerase un concerto de música infantil a cargo de Uxía Lambona e a Banda Molona na Alameda.

A xornada rematará coa música da Orquestra Gran Parada no Campo da Feira ás 21:30 horas.

AVISO peches de tráfico

A partir de mañá día 3 de xuño e ata o día 8 produciránse peches de tráfico no centro urbano con motivo das festas da coca.

Día 3 peche do tráfico as 14.30 horas que se manterá pechado ata o día 5 as 04.30 horas

Día 5 peche do tráfico as 19.00 horas ata as 04.30 horas do día 6

Día 6 peche do tráfico as 18.00 horas ata as 04.30 horas do día 7

Día 7 peche do tráfico as 10.30 horas ata as 04.30 horas do día 8.

👉 Rúas afectadas: Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín.

👉 A maiores o sábado pecharase tamén a rúa Pai Crespo Interior para a elaboración das alfombras.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará