Hoxe é Mércores 3 de Xuño de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O goberno non logra os apoios necesarios para prorrogar o contrato do SAF

pleno saf

O goberno municipal non conseguiu reunir os votos necesarios para aprobar a prórroga do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) coa empresa Idades SL. A proposta contemplaba ampliar por un ano máis a prestación do servizo, ata o 1 de xuño de 2027, mantendo as condicións actuais. Unha proposta que chegaba a pleno por segunda vez e que nin PP nin BNG  apoiaron argumentando a falta de negociación previa neste asunto por parte do goberno así como as “irregularidades” no servizo que ofrece a empresa. 

A debilidade dun goberno en minoría volveu quedar patente no último pleno municipal. O bipartito PSOE-AER non foi quen de aprobar unha proposta que se debatía por segunda vez no pleno: a prórroga do contrato do SAF a empresa Idades S.L.

A concelleira de Igualdade e Servizos Sociais, Iria Vilaboa, defendeu a continuidade do contrato asegurando que a medida conta cos informes técnicos favorables e que a empresa está a cumprir coas obrigas recollidas na concesión. A edil apelou á responsabilidade do resto da corporación para garantir a estabilidade dun servizo esencial para as persoas dependentes e para as traballadoras.

A proposta contou co respaldo de AER. O seu portavoz, Roberto Villar, destacou que a actual concesionaria está a ofrecer unha xestión máis eficaz que a empresa anterior e acusou a PP e BNG de antepoñer os seus intereses políticos á continuidade do servizo.

Roberto Villar, AER

Desde o BNG criticaron a actuación do goberno local, ao que acusaron de dar por feita a prórroga sen contar previamente cos apoios necesarios. Os nacionalistas lembraron que o executivo está en minoría e reprocháronlle a falta de negociación nun asunto que afecta a un servizo básico para a veciñanza.

Insistiron que dende hai meses o goberno debería ter unha alternativa: ou ben a remunicipalización do servizo ou un novo prego de condicións.

Jessica García, BNG

Pola súa banda, o Partido Popular xustificou o seu rexeitamento denunciando supostos incumprimentos por parte da empresa concesionaria. Os populares aseguraron que existen problemas na prestación do servizo, con cambios frecuentes de auxiliares, incidencias nos horarios de atención e a falta dalgunhas das melloras comprometidas no contrato.

Sandra Bastos, PP

No peche do debate, Iria Vilaboa reiterou que os informes de seguimento avalan o traballo realizado pola empresa e advertiu das consecuencias que podería ter a falta de aprobación da prórroga. Segundo explicou, o Concello veríase obrigado a iniciar unha nova licitación, un proceso que podería encarecer o servizo e xerar incerteza tanto entre as persoas usuarias como entre o persoal que o presta.

Iria Vilaboa, PSOE

Uns argumentos que non convenceron aos grupos da oposición. O seu voto en contra, impediu ao goberno local sacar adiante esta prórroga, malia o cal os nacionalistas insistiron en que “o servizo está garantido” e puxo como exemplo o caso da piscina que continúa en mans da concesionaria Serviocio malia ter caducado o contrato hai anos.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará