As persoas migrantes en situación administrativa irregular terán este mércores unha oportunidade para coñecer os detalles do proceso de regularización extraordinaria de emprego aberto ata o vindeiro 30 de xuño. A sesión informativa, organizada pola Fundación Formavigo, celebrarase ás dez da mañá no Multiúsos da Xunqueira e contará coa participación dunha avogada especializada que ofrecerá asesoramento gratuíto.
A medida permite que inmigrantes que chegaron ao país antes do 1 de xaneiro de 2026 poidan acceder a un permiso de residencia e traballo. Para tramitar a solicitude, que poderá presentarse ata o 30 de xuño de 2026, é necesario acreditar unha estancia mínima de cinco meses en España, non contar con antecedentes penais e presentar unha declaración responsable de traballo.
O obxectivo desta regularización extraordinaria é facilitar que persoas que xa residen e traballan no país, moitas veces na economía informal, poidan normalizar a súa situación administrativa. Isto permitiralles mellorar as súas condicións laborais e incorporarse ao mercado de traballo formal, cotizando á Seguridade Social e cumprindo coas súas obrigas fiscais. Así nolo explicaba dende Formavigo, Fernanda Couñago.
Durante a charla, as persoas asistentes poderán resolver dúbidas relacionadas tanto cos requisitos do proceso como coa procura de emprego. A iniciativa está dirixida a persoas procedentes de calquera país que desexen formalizar a súa situación administrativa en España.
Entre os principais obstáculos que atopan os solicitantes destacan as dificultades para reunir a documentación esixida e para acreditar a súa permanencia continuada no territorio español, aspectos fundamentais para acceder a esta vía extraordinaria de regularización. Na charla de mañá darase resposta a todas esas dúbidas.
As persoas interesadas en participar deberán realizar inscrición previa a través do teléfono 986 619 271 ou do correo electrónico info@fundacionformavigo.com.









