O sector praceiro de Redondela aproveitou a celebración do Día dos Mercados para reclamar a reforma integral da Praza de Abastos que din non pode seguir agardando. A Asociación de empresarios salienta o “consenso unánime” amosado polos representantes políticos que participaron na celebración á hora de apostar por unha intervención integral para revitalizar este espazo. Anuncian unha enquisa pública para elaborar un proxecto de reforma compartido.
As praceiras e praceiros advirten de que a situación actual do edificio é cada vez máis preocupante e reclaman certezas sobre os prazos, o alcance e a execución dunha intervención que consideran imprescindible para asegurar a continuidade da actividade comercial.
A reivindicación despois de que representantes de todos os grupos políticos municipais expresasen publicamente o seu apoio á necesidade de acometer unha reforma de calado na Praza de Abastos. Un consenso que a Asociación de empresarios, entidade que representa os intereses do sector valora positivamente, pero que considera insuficiente se non vai acompañado de compromisos concretos e dun calendario de actuación definido.
Insisten en que a modernización da Praza é unha cuestión urxente ante o deterioro das instalacións e as dificultades para competir con outros formatos comerciais están a afectar á actividade diaria dos postos, facendo cada vez máis difícil garantir a viabilidade futura de moitos negocios.
A entidade considera que o respaldo político unánime abre unha oportunidade estratéxica para avanzar cara a un proxecto de modernización que combine actualización estrutural, dinamización comercial e posta en valor patrimonial.
O sector reclama ademais participar activamente na definición do proxecto. Os profesionais da Praza consideran fundamental coñecer as propostas e actuacións que se estudan e poder achegar a súa experiencia e visión sobre as necesidades reais do mercado. Defenden que calquera intervención debe responder ás demandas actuais do comercio de proximidade, ao tempo que preserva o valor histórico e identitario do edificio.
Co obxectivo de canalizar esta participación, a Asociación anunciará nos próximos días unha enquisa pública dirixida tanto á cidadanía como ao propio sector praceiro. As achegas recollidas permitirán elaborar un documento de propostas que será trasladado ao Concello e aos grupos políticos para contribuír á definición dun proxecto compartido.









