Cinco estudantes de 3º e 4º da ESO do IES Pedro Floriani regresaron de Barcelona co segundo posto estatal no reto “Un Reto pola Ciencia” da Fundación Sener. O seu proxecto “Luminet” propón substituír as comunicacións por ondas de radio tradicionais por láser infravermello codificado para mellorar as transmisións no espazo, unha idea que xa está sendo posta en práctica pola NASA na misión Artemis II.
Mauro García, Bruno Veiga, Pedro Limeres, Roi Martínez e Alán Rey foron os protagonistas dunha experiencia que cualifican de “impresionante”. “Tiñamos bastantes ganas desde o primeiro momento”, explica Mauro, que exerceu de CEO do equipo. “Era a primeira vez que se facía en Galicia e, cando a profesora nos presentou os proxectos, vimos que era unha oportunidade”.
A idea chegou ao centro da man da enxeñeira aeroespacial redondelá Xunqueira Ézara, que traballa na Axencia Espacial Europea e tamén estudou no IES Floriani. “A nosa participación e premio demostra que non fai falta estudar nun centro privado de moito renome para chegar lonxe”, sinala o equipo.
O reto consistía en mellorar as comunicacións espaciais. Os rapaces optaron polo láser infravermello porque permite transmitir máis información no mesmo tempo, é máis fácil de codificar e, sobre todo, máis seguro. Como idea de futuro, propuxeron unha rede de satélites ópticos intelixentes.“Escollemos este reto porque parecía interesante e xa tiña certo desenvolvemento anterior, o que nos daba máis marxe para ter ideas”, recoñecen. A investigación foi intensa: “Na ESO non se dá nada parecido. Tivemos que buscar moito por internet e aprender vocabulario que nin sabiamos que existía”.
A parte máis complicada non foi a técnica, senón a presentación diante dun xurado de enxeñeiros. “Estás tranquilo preparando a presentación no instituto, pero cando chegas alí e ves a máis de 15 enxeñeiros mirándote e avaliándote, é un salto grande”, recoñecen. A clave foi a sesión de mentoring coa Fundación Sener: “Corrixíronnos as partes técnicas, o vocabulario e axudáronnos a estruturar ben o proxecto, incluídas as posibles desvantaxes”.
O esforzo deu os seus froitos. O xurado destacou a súa capacidade de resposta. “Gustáronlles as nosas respostas e mesmo preguntaron polos nosos currículos”, contan con orgullo. Practicaron “moitas horas” con e sen público coa súa profesora Rosa.
A final reuniu proxectos de toda España, a maioría de centros privados. “O listón estaba moi alto”, recoñecen. O primeiro premio foi para dúas nenas de Cataluña de só 12 anos do colexio Hamelin LAIE School (Barcelona) que propuxeron substituír a gasolina por metanol nos coches, adaptando os sistemas dos vehículos. O equipo do Floriani quedou segundo nunha xornada que rematou cunha visita ao Sincrotrón Alba. “Foi espectacular. É tecnoloxía ao último nivel, pero dixéronnos que xa queren reformalo porque avanza moi rápido”, lembran.
A experiencia reforzou as súas vocacións. A maioría inclínase pola enxeñaría, aínda que algúns optan por ciclos superiores de mecatrónica industrial.
O podio estatal quedou configurado da seguinte maneira:
- Primeiro premio: Hamelin LAIE School (Barcelona) polo proxecto “Metapower” (redución de CO₂), formado por Lucía Goldner e Candela Charà.
- Segundo premio: IES Pedro Floriani de Redondela
- Terceiro premio (empate):
- Colegio Cristo Rey de Zaragoza co proxecto “Eco Revolution” (Alexia Guerrero, Laura Luna, Sara Giménez, Natalia Pallás e Isabel Delgado).
- Colegio Mare de Déu del Carme de Terrassa co proxecto “CO2 Tech Solutions” (Max Durán, Julen Serra, Jan Pitart, Aina Marcual, Elena Pasan, Marc Sánchez e Marina Soto).










