As alegacións presentadas polo Concello á proposta de Delimitación de Espazo e Usos Portuarios do Porto de Vigo amosan o seu rexeitamento á ampliación de usos comerciais do litoral previsto pola Autoridade Portuaria. O Goberno local demanda ao Porto que compatibilice actividade económica coa protección ambiental e o uso público do litoral e reclama “un modelo máis equilibrado priorizando a recuperación ambiental fronte aos usos de almacenaxe e apoio loxístico”. Solicitan tamén unha maior protección a elementos do patrimonio como o cargadoiro de mineral Coto-Wagner.
O Concello de Redondela presentou formalmente as súas alegacións á proposta final recollida no Estudo Ambiental Estratéxico (Alternativa 4) de Delimitación de Espazos e Usos Portuarios (DEUP) da Autoridade Portuaria de Vigo. O Goberno local traslada á Autoridade Portuaria a necesidade de revisar a proposta para garantir a protección do patrimonio cultural, da paisaxe e da contorna natural da enseada de San Simón descartando a ampliación do uso comercial e industrial no litoral de Chapela e Rande.
Desde o Concello considérase que o documento mantén un modelo centrado na actividade loxística e industrial que resulta incompatible coa recuperación ambiental do litoral para que a cidadanía poida gozar destes espazos. En especial, o Goberno local insiste na necesidade de actuar sobre a contorna do Peirao de Pedra e do cargadoiro de mineral de Coto-Wagner.
A alcaldesa, DignaRivas insiste no elevado valor patrimonial, histórico e paisaxístico destes espazos. O Concello reclama que neste tramo do litoral a Autoridade Portuaria avance “cara a un modelo máis equilibrado de relación porto-cidade, priorizando a recuperación ambiental, a integración paisaxística e a posta en valor do patrimonio fronte aos usos de almacenaxe e apoio loxístico”.
Así mesmo, o Concello solicita reducir a superficie destinada a usos complementarios industriais na zona, revisar a delimitación prevista e incorporar medidas efectivas de rexeneración ambiental que melloren a calidade de vida da veciñanza de Chapela e Rande.
Con este escrito, o goberno municipal reafirma o seu compromiso coa defensa do litoral de Redondela, a conservación do seu patrimonio e a procura dun modelo sustentable “que compatibilice actividade económica, protección ambiental e uso público do bordo marítimo”.









