Hoxe é Venres 29 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

II Encontro do Viño Colleiteiro chega esta fin de semana a Soutomaior para poñer en valor o albariño local

viño coleiterior

Soutomaior celebra os días 30 e 31 de maio, a segunda edición do Encontro do Viño Colleiteiro, unha cita que busca reivindicar a tradición vitivinícola do municipio e promocionar a calidade do viño albariño elaborado polos colleiteiros e colleiteiras locais. O evento desenvolverase no Campo da Festa de San Benito de Romariz e contará coa participación de 12 adegas e produtores do concello, ademais dun amplo programa de actividades gastronómicas, musicais e culturais pensado para todos os públicos.

Entre as propostas máis destacadas desta edición figuran as catas comentadas, a mesa coloquio sobre o viño como patrimonio cultural e as actuacións musicais ao longo das dúas xornadas. Ademais, durante toda a fin de semana haberá un espazo gastro-bar con polbo, churrasco, ostras e petiscos.

No encontro participarán Furancho Linchú, Furancho do Pazo María & Conrado, Adega-Furancho do Músico, María Sobral, Albariño da Baralla, A Casa de Lisa, Irmáns Lorenzo, Furancho O Maroco, Aires de Verdugo, A Peroxa, Eido de Lombeira e Albariño do Rodeiro.

Visita ás adegas como antesala do encontro

Como novidade, o encontro contará cunha actividade previa o día 29 de maio. Trátase dunha visita organizada ás adegas participantes, que permitirá á veciñanza coñecer de preto os espazos de produción e o territorio vitivinícola de Soutomaior.

A actividade desenvolverase entre as 18:00 e as 19:00 horas e incluirá un percorrido en microbús con oito paradas e está aberta tan só ás persoas inscritas previamente.

Programa do sábado 30 de maio

O sábado a programación arrancará coa apertura das casetas ás 12:00 horas e prolongarase ata as 22:30 horas. As actividades culturais e musicais comezarán ás 13:00 horas coa actuación de Francisco Castro e Valerio Araújo.

Xa pola tarde, ás 19:00 horas, celebrarase a mesa coloquio “O Viño, patrimonio cultural”, na que participarán Iria Otero Mazoy e María José Zafra González, quen abordarán a elaboración artesanal e a importancia cultural do viño. A continuación, de 19:30 a 20:30 horas, desenvolverase a actividade “5MinutosDeViñoDeSoutomaior”, unha cata rápida na que os colleiteiros presentarán os seus viños a través dos cinco pasos básicos da degustación: ver, remover, cheirar, sorber e saborear. O peche da xornada do sábado correrá a cargo do grupo Bafana Bafana, que actuará ás 20:30 horas.

Música e clausura na xornada do domingo

O domingo 31 de maio as casetas abrirán de 11:00 a 16:00 horas, mentres que o espazo gastro-bar funcionará entre as 12:30 e as 16:00 horas. A programación musical comezará ás 12:30 horas coa actuación de Madalena Gamalho. Ás 13:30 horas terá lugar a entrega de distincións e o acto oficial de clausura do encontro, que rematará coa actuación en directo de Linchú.

Dende o Concello amosan a súa confianza en repetir o éxito da primeira edición e animan á veciñanza e visitantes a participar nun evento que busca converterse nun referente da cultura vitivinícola da comarca.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará