Redondela acolle este venres 29 de maio o XII Torneo Interescolar organizado polo Club Baloncesto Redondela, coa colaboración do Concello de Redondela, a Xunta de Galicia a través do programa Xogade e diferentes entidades colaboradoras. O evento reunirá arredor de 300 nenos e nenas en idade escolar, desde 1º ata 6º de Educación Primaria, nunha xornada dedicada á promoción do baloncesto base e da convivencia entre centros educativos.
O torneo celebrarase no Pavillón do IES Mendiño en horario de tarde, entre as 16.30 e as 21.00 horas, e contará coa participación de 47 equipos distribuídos nas categorías Babys, Premini e Minibasket. En concreto, participarán 13 equipos na categoría Babys, 14 en Premini e 20 en Minibasket.
No torneo estarán representados un total de 11 centros educativos, practicamente todos os colexios do Concello de Redondela agás un, ademais da participación de centros doutros municipios da contorna, con presenza de dous colexios de Soutomaior, un de Pazos de Borbén e outro de Ponte Caldelas.
Entre os centros participantes atópanse Reboreda, Santa Mariña, Porto Cabeiro, Laredo, Outeiro das Penas, Quintela, Santiago Apóstol, Alexandre Bóveda, Padín Truiteiro, Pazos de Borbén e Igrexa, ademais dos equipos convidados Rural Champs.
O obxectivo desta iniciativa é fomentar a afección e a paixón polo baloncesto entre os máis pequenos, así como reforzar a presenza do Club Baloncesto Redondela na súa área de influencia e xerar sinerxías entre o club e o tecido social e educativo do municipio.
A organización tamén confirmou que todos os participantes contarán con seguro de responsabilidade civil e seguro de accidentes, ademais de recibir un agasallo conmemorativo ao remate da competición.










