Un ano máis, e xa van 20, a parroquia de Nespereira en Pazos de Borbén celebra este domingo unha cita na que todos os pratos están elaborados con produtos da casa. Os ovos doados pola veciñanza permitirán elaborar un menú no que o combinado de ovos fritidos con patacas e chourizo é prato estrela, pero tamén se servirán tortillas, empanadas e grelos con ovos e chourizo. O pregoeiro deste ano será o campión galego de rallie de montaña Jhonatan Álvarez.
Unha festa que naceu vinte anos atrás apostando por un produto que gusta practicamente a toda a poboación en calquera das súas elaboracións: fritido, en tortilla ou cocido, o ovo é ademais un manxar que gusta a grandes e cativos.
María Cruces viviu o nacemento desta festa sendo cativa e co paso do tempo asumiu tamén a súa organización ao fronte da Asociación de veciños de Nespereira. Non dubida en agradecer a colaboración veciñal “que doan todos os ovos e os grelos que se empregan na elaboración dos pratos” e que tamén colaboran activamente na propia xornada do domingo “cociñando, servindo e asegurándose que todo está a gusto dos comensais” entre os que se repartirán 1.500 racións.
Unha xornada que arrancará cunha andaina organizada polo Concello de Pazos que partirá ás 10:00 horas dende o torreiro de festas para percorrer unha distancia de 12 kilómetros. As persoas interesadas en participar deben inscribirse previamente a través do correo trasospasosdamoura@gmail.com.
A degustación dos diferentes pratos comezará as 11:00 horas e ás 13:30 terá lugar a lectura do pregón a cargo de Jhonatan Álvarez, unha aposta sempre dende a directiva por contar con vecñso e veciñas da contorna poñendo en valor tamén os seus logros persoais, neste caso no mundo do motor.
A comida estará amenizada polo Dúo Estelar e o grupo Crla Lamas e Jasmine Castro.









