Logo dunha semana na que máis de mil cativos se achegaron a campaña escolar do Festival, nenos e nenas poderán seguir gozando dos títeres cunha intensa programación de rúa que ofrece dez escenarios e preto de 60 funcións onde non faltarán os pasarrúas e as exposicións. Na sala quedan aínda tres propostas coa obra “Gloria Bendita” de Arteria producións, Teatro dei Piedi procedente de Italia con “Érase unha vez…dous pés!” e Jordi Bertran con “Clàssics”.
O universo creativo de Jordi Bertran será o encargado de pechar a edición deste ano o vindeiro domingo. Recoñecido titiriteiro de Barcelona, especializado en teatro visual, marionetas de fio e poesía escénica regresa ao noso concello para ofrecer dúas propostas diferentes. Os que perderon a obra Point que se representou onte no Multiúsos terán unha segunda oportunidade ás sete da tarde do domingo no Multiúsos, cunha obra que ofrecerá ao espectador un percorrido polos números máis exitosos da súa longa carreira, unha colección de escenas clásicas de marionetas de fío onde atoparemos personaxes tan dispares como o trompetista Louis Armstrong, un rockeiro acróbata, un faquir ou un esqueleto, entre outras sorprendentes marionetas que tomarán vida no escenario.
Previamente teremos moito máis por ver. Hoxe venres Arteria Produccións dende Aragón chegan tamén ao Multiúsos coa súa obra “Gloria Bendita” e Teatro dei Piedi procedente de Italia subiranse ao escenario o sábado con “Érase unha vez…dous pés!”. As entradas continúan á venda no Multiúsos, o sábado de 18.00h a 20.00h e o domingo de 18.00 a 19.00.
Sen abandoar este espazo achegámonos tamén a exposición “Os monicreques de Kukas” na que se rende homenaxe aos 47 anos de traxectoria da primeira compañía profesional de títeres de Galicia, creada en Santiago de Compostela en 1979 por Marcelino de Santiago (Kukas) e Isabel Rey.
A exposición mostra os títeres e escenografías dalgunhas das súas produciones de Os Monicreques de Kukas. Son representativas da variedad de disciplinas e técnicas da compañía, e fainos partícipes das novas técnicas de construción e manipulación desenvolvidas por este histórico grupo.
E non queremos esquecer outra exposición que se pode visitar no antigo Kioko Cocó “Voces de Gaza” de Mahdi Karera, fundador de Khoyout Theatre. Son cinco monicreques que conseguiron saír de Gaza, escapar da guerra e vir a Redondela para contarnos coa súa propia voz un conflicto real que precisa dunha solución inmediata.
A programación intensificarase especialmente durante a fin de semana, cando as rúas e prazas de Redondela se enchan de monicreques, espectáculos itinerantes e actividades gratuítas para todos os públicos. Dez escenarios distribuídos polo centro urbano acollerán actuacións continuas e montaxes de gran formato.
Este ano a rúa tamén estará plagada de vida e ilusión cos espectáculos procedentes de diferentes lugares como Arxentina, Cataluña, Portugal, Castela León, País Vasco e Galicia. Contaremos con Manu Mansilla e a obra “Títeres a cielo abierto” no Salgueiral, Maia Títeres con “El último tren” na Alameda, Alauda Teatro con “The Puppet Circus” na Casa da Torre, Lafontana con “Teatro TukTuk: o vaqueiro que non mentía” na Praza do Concello. Tamén contaremos coas compañías galegas Títeres Alakrán con “Barriga Verde” no Palco da Música, Trécola Produccións con “As aventuras de Pituquito” no Campo da Ra e Mircromina Títeres con “Vacacións no mar” no Palco da música.
Podemos destacar tamén dentro da programación os itinerantes que percorrerán a vila enchéndoas de vida e ilusión. “Agostinho e Felicidade” de Boca de Cao ofrecerannos un paseo cheo de tenrura, natureza e ata trocos de prantas medicinais. “Los extintos” de El Sindicato de Monstruos nos acompañarán polas rúas e prazas lembrándonos a importancia de coidar a todas as especies e animais. Ademais visitaremos o dentista con Troula e o seu “O estraño caso do dentista da rúa Brasov”. E como remate teremos a Deabru Beltzak con “Tambores de Feu” facéndonos vibrar co seu peculiar aquelarre.
O domingo o público poderá animarse a vir disfrazado ou vestido de calquera insecto ou becho para celebrar a importancia da polinización para conservar o planeta. Saída ás 11.45 dende A Fonte do Mouro.
Uunha programación de rúa que obrigará tamén a cortar o tráfico polo centro da vila. Así o peche o sábado será dende as 16:30 ata as 22:30 e o domingo xa dende as 11:00 da mañá ata as dez e media da noite con peche da circulación nas rúas Alfonso XII, Ribeira e Xeneral Rubín.











