Hoxe é Luns 4 de Maio de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O CD Choco consegue un respiro no obxectivo da salvación

WhatsApp Image 2026-02-23 at 17.58.49

Categoría Preferente

PORRIÑO INDUSTRIAL F.C. – C.D. CHOCO (3-4)

O C.D. Choco conseguiu unha importante vitoria no campo do Porriño Industrial nun partido moi disputado e con altibaixos. Con este triunfo, o equipo dirixido por Álvaro Soto suma tres puntos clave que lle permiten saír da zona de descenso e situarse no posto 14º da táboa con 33 puntos, deixando a permanencia ben encamiñada.

O adestrador Álvaro Soto analizou así o encontro: “Era un partido complicado para nós porque ao final era como unha final. Se nos deixábamos tres puntos onte perdiamos xa opcións e se nos escapaban moito. Para o rival tamén era un partido difícil porque ao final se quedaron descolgados das súas opcións de promoción. Arrancamos moi mal. Os primeiros 15 minutos foron totalmente deles. De feito, nos primeiros minutos metéronnos un gol e puido ser un 2-0 ou un 3-0 fácil, porque estabamos cometendo moitos erros de imprecisión e de nerviosismo. Pero a partir do minuto 15, aproximadamente no 19, chega o noso gol, fomos adaptándonos un pouco ao campo e todo o que traballamos durante a semana saíu. Nos puxemos por diante antes do descanso cos dous goles de Kevin e estabamos sendo moi superiores. Marchamos ao descanso con 1-2, pero a sensación era moi boa”.

 Arranca a segunda parte outra vez “supermotivados” e explica: “Marcamos o terceiro e tivemos tres ocasións moi claras, unha man a man de Garci e outra de Dani Suárez. Ao final  aproveitaron un erro que tivemos e meteron o 3-2, subindo a tensión. Pero seguimos ao noso e volvemos ter dúas ou tres ocasións. Hai un penalti por man que acaba metendo Graña e dando o 2-4, que non foi definitivo porque o árbitro prolongou seis minutos e no minuto seis eles meteron o terceiro, o 3-4. O partido estaba bastante controlado. Fixemos cambios, quizais perdemos un pouco de cara arriba, pero en profundidade defensiva eles non xeraron case nada”.

Restan dúas xornadas para o remate da tempada, nas que o Choco precisará puntuar para asegurar definitivamente o obxectivo da permanencia. O próximo encontro será na casa fronte ao Villalonga FC (décimo clasificado) e o último, como visitantes, ante o Atlético Arnoia (sexto clasificado).

“Agora  quedan dous partidos, coa mesma presión e tensión que tivemos esta semana en Porriño. Temos que preparar o partido de Villalonga na casa para sacar os tres puntos e pensar que, aínda que estamos fóra dos postos de descenso, os arrastres poden facenos caer. É complicado, pero temos que apertar. Agora estamos alerta e ese ten que ser o noso obxectivo: gañar este domingo e seguir recortando aos que están por diante”, concluíu Álvaro Soto.

Primeira Galicia

UNIÓN DENA C.F. – C.D. ARCADE (0-4)

Contundente vitoria do Arcade no campo do Unión Dena CF, pechacancelas da categoría. O equipo suma 45 puntos e mantense na oitava posición, coa permanencia xa asegurada. Quedan dous encontros por disputar, sendo o seguinte na casa fronte ao San Martín CF, quinto clasificado.

Segunda Galicia

ZACANDE F.C. – C.D. SOUTOMAIOR (0-0)

Empate sen goles do Soutomaior na súa visita ao Zacande FC. O conxunto mantense cuarto na clasificación, en zona de play-off de ascenso, con 52 puntos. Na próxima xornada recibirán ao equipo A Lama SD, noveno na táboa.

Terceira Galicia, Grupo Pontevedra

C.D. CESANTES – E.F.B. TERRA DE MONTES (4-0)

Ampla vitoria do Cesantes no seu campo, A Gándara, fronte ao Terra de Montes. O equipo alcanza os 60 puntos e consolídase no segundo posto, en plena zona de play-off de ascenso.

David foi o gran protagonista do encontro con tres goles, mentres que Lucas anotou o restante. Ademais, David acada xa os 40 goles esta tempada, cunha media de 1,5 por partido.

A última xornada será decisiva, cun desprazamento ao campo do Figueirido CF, equipo da parte baixa da clasificación. O Cesantes completa unha excelente campaña, só por detrás do líder Campaño SD (62 puntos), sendo o seu perseguidor máis próximo. Ata o momento, suman 18 vitorias, 6 empates e só 3 derrotas.

Terceira Galicia, Grupo Vigo

A.D. LAVADORES – ATLÉTICO VILLAR (1-2)

O Atlético Villar continúa coa súa boa dinámica e suma unha nova vitoria, aínda que xa tiña asegurado o ascenso matemático na xornada anterior. Con este triunfo acada os 73 puntos.

Na próxima xornada recibirán ao Alerta Sanguiñeda, equipo situado na parte baixa da táboa.

CHAPELA C.F. – C.D. NIETO (2-1)

Nova vitoria do Chapela na casa fronte ao CD Nieto. O equipo suma 58 puntos e mantense firme na zona de play-off de ascenso.

A falta de tres xornadas para o final, o seguinte compromiso será no campo do Atlántida Matamá “B”, sexto clasificado.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará