O histórico e reivindicativo mural do “scalextric” de Redondela volve á vida sete anos despois da súa desaparición grazas a unha iniciativa impulsada polo colectivo ArteLixo e coa participación activa dun cento de alumnos dos institutos Mendiño e Pedro Floriani baixo a dirección do artista Gerardelos. A intervención realizouse durante a mañá deste luns nun muro próximo ao centro de saúde da Avenida Mendiño, onde se recrea a obra orixinal de 1980 incorporando novos elementos artísticos.
O mural orixinal fora realizado en 1980 por veciñanza e colectivos locais sobre un dos laterais do “scalextric”. Agora reaparece nun muro próximo ao centro de saúde da Avenida Mendiño, unha recreación que incorpora cerámica reciclada.
O mural primixenio fora unha creación colectiva da veciñanza e de diversos colectivos locais, que empregaron materiais sinxelos como pintura Titanlux para representar a marisma de Santa Mariña. Co paso do tempo, converteuse nun símbolo da identidade local ata a súa destrución en maio de 2019.
A nova proposta mantén o espírito comunitario da obra inicial, sumando nesta ocasión ao alumnado e profesorado dos institutos Mendiño e Pedro Floriani. Baixo a coordinación do artista Gerardo Rodríguez, coñecido como Chere, a intervención introduce novas técnicas como o uso de cerámica reciclada, característica do seu traballo.
A actividade forma parte da iniciativa “ArteLixo Non ten Cancelas”, que promove cada ano intervencións artísticas en espazos públicos coincidindo coa celebración do ArteLixo. Nesta edición, o mural tamén serve como homenaxe a Félix Cal e ás persoas que protagonizaron movementos de oposición a determinadas infraestruturas na vila.
Con esta recreación, búscase non só recuperar unha peza icónica, senón tamén reforzar a memoria colectiva e o valor do compromiso social que deu orixe ao mural hai máis de catro décadas.













