O Partido Popular de Pontevedra reclama ao Goberno central avances inmediatos na mellora da seguridade viaria da N-552 ao seu paso por Chapela, despois de cinco anos sen execución efectiva das actuacións comprometidas tras a ampliación da AP-9. A formación denuncia a ausencia de información sobre o estado do proxecto de acondicionamento e humanización da estrada que, segundo sinalan, continúa sen desenvolverse. Reclaman prazos, orzamento e previsión de execución das obras previstas.
Os deputados populares, Irene Garrido e Juan Bayón, acompañados do voceiro do PP en Redondela, Javier Bas instan ao Goberno a que dea explicacións sobre a parálise do proxecto de adecuación e mellora da Avenida de Redondela, no tramo da N-55 entre o alto da Encarnación e o límite con Vigo.
Denuncian que transcorridos máis de cinco anos “non constan publicamente avances sobre esta actuación comprometida” e solicitan ao goberno central que se lle dea información sobre a situación na que se atopa na actualidade o proxecto de adecuación e mellora da seguridade viaria nesta estrada.
Desde o PP critícase tamén a falta de respostas ás iniciativas rexistradas no Congreso e reclámase que se concreten prazos, orzamento e previsión de execución das obras previstas.
O proxecto en cuestión tiña como obxectivo mellorar a seguridade viaria entre o Alto da Encarnación e o límite co municipio de Vigo, como parte dos compromisos adquiridos para mitigar o impacto das obras da AP-9 na zona de Chapela. Segundo a formación, a falta de avances supón un incumprimento prolongado dos compromisos asumidos co tecido veciñal e co Concello de Redondela.
A deputada Irene Garrido agradeceu a labor da Asociación de Afectados da AP-9 a quen lles trasladou que “non hai dereito a que pasasen xa 5 anos e non haxa ningunha actualización do que se pediu nese momento e que non saibamos nada ao respecto”. Juan Bayón explicou que, con respecto ás estradas, o Goberno central ten un problema de xestión terrible e o voceiro do PP en Redondela Javier Bas denunciou “o servilismo da alcaldesa, non teñen nin comunicación con Ministerio, hai un escurantismo grande e incluso desde o Concello xustifican ao Ministerio, que o ningunea completamente. As mesmas persoas que apoiaban as manifestacións, agora xustifican ao Ministerio. Non ten sentido que se abandonen así os proxectos tan necesarios para os veciños de Chapela”, lamentou.










