O C.D. Choco complicou seriamente as súas opcións de permanencia tras caer en Atios e quedar en postos de descenso a falta de tres xornadas, nunha fin de semana de contrastes marcada tamén pola celebración do Atlético Villar, que certificou o ascenso matemático e culmina así unha tempada histórica.
Preferente
U.D. Atios – C.D. Choco (2-0)
O C.D. Choco caeu derrotado na súa visita á U.D. Atios nun encontro no que os redondeláns competiron durante boa parte do duelo, pero no que acabaron penalizados pola falta de acerto nas áreas. Esta derrota deixa ao conxunto na 15ª posición, en postos de descenso, a falta de tres xornadas para o remate da liga. Na próxima cita volverán xogar a domicilio, desta vez fronte ao Porriño Industrial F.C.
O partido comezou cunha primeira metade moi equilibrada. Ambos equipos mantiveron un pulso intenso, con ocasións repartidas e sen un dominador claro. O Choco amosouse ordenado en bloque medio, defendendo con criterio e tentando neutralizar o xogo polas bandas do rival con axudas constantes. A pesar de que o Atios tivo maior posesión, apenas xerou perigo claro, máis alá de dúas accións ben resoltas por Hugo e pola liña defensiva. Pola súa banda, o conxunto visitante tamén dispuxo das súas opcións, con dous intentos de Dani Suárez e outro de Garci, este último invalidado por fóra de xogo.
Segundo explicou o adestrador, Álvaro Soto, o equipo chegou ao descanso “con moi boas sensacións”, aínda que xa se intuía certo desgaste físico nalgúns xogadores.
Tras o paso polos vestiarios, o encontro mantivo inicialmente a mesma dinámica, pero un balón parado acabou por romper a igualdade. Nunha acción embarullada tras un centro lateral e un despexe, o balón caeu dentro da área para que un xogador local fixese o 1-0. A xogada estivo rodeada de polémica, xa que o Choco reclamou un posible fóra de xogo, aínda que posteriormente se considerou correcta. Esa acción derivou ademais na expulsión do propio técnico por protestar.
Co marcador en contra, o Choco intentou dar un paso adiante, pero atopouse cun rival ben posicionado, que soubo xestionar os tempos do partido e mover o balón para desgastar aos visitantes. Co paso dos minutos, o esforzo físico foi pasando factura e, nunha nova acción tras saque de banda, o Atios ampliou a vantaxe cun disparo desde a frontal que supuxo o 2-0 definitivo.
Nos últimos compases, o equipo redondelán tratou de reaccionar introducindo cambios e apostando por un sistema máis ofensivo, pero a falta de acerto nas decisións finais impediu reducir distancias. Houbo aproximacións perigosas, especialmente polas bandas e en accións de Pablo Pérez, pero sen éxito.
Soto recoñeceu ao remate que “non fomos capaces de facer dano nin de concretar as ocasións”, destacando tamén o bo traballo defensivo do rival. Ademais, fixo autocrítica ao sinalar que, aínda que o equipo foi capaz de competir durante moitos minutos ante rivais da zona alta nas últimas xornadas, “eles están arriba por algo e nós estamos onde estamos polas nosas razóns”.
Con tres partidos por diante, o técnico incidiu na importancia de manter a concentración máxima: o obxectivo pasa por sumar puntos de inmediato para evitar o descenso. A seguinte oportunidade chegará en Porriño, nun encontro que o propio adestrador cualificou de “complicado”, pero no que o equipo necesita reaccionar para manter vivas as opcións de permanencia.
Primeira Galicia
C.D. Arcade – S.D. Valiño (3-2)
Vitoria do Arcade, que se mantén no noveno posto da clasificación. Na seguinte xornada visitarán ao Unión Dena C.F., pechacancelas da categoría.
Segunda Galicia
S.D. Puente Arnelas – C.D. Soutomaior (2-0)
Menos sorte tivo o Soutomaior, que caeu no campo do Puente Arnelas, segundo clasificado e rival directo. A pesar da derrota, mantense en zona de play-off, ocupando o cuarto posto con 51 puntos. Na próxima xornada afrontarán un novo desprazamento para enfrontarse ao Zacande F.C., sétimo clasificado.
Terceira Galicia, Grupo Vigo
Atlético Villar – C.F. San Esteban (6-2)
O Atlético Villar asinou unha vitoria contundente que non só reforza o seu liderado, senón que certifica de maneira matemática o ascenso a falta de catro xornadas para o remate da liga. Cun total de 70 puntos, o conxunto cumpre así o gran obxectivo marcado para esta tempada, facendo historia no club tras unha campaña moi sólida na que unicamente se lle escaparon tres encontros.
No plano goleador, o protagonismo foi para Pablo Veiga, autor de catro tantos, ben acompañado por David e Iago, que completaron a conta anotadora dun equipo que volveu amosar a súa capacidade ofensiva.
O equipo amosou unha superioridade clara ao longo do curso, consolidándose como o referente da categoría e mantendo unha regularidade difícil de igualar. Este éxito supón un fito destacado para a entidade e para un grupo que soubo responder en todos os momentos clave.
Na vindeira xornada, o Villar desprazarase para enfrontarse ao A.D. Lavadores, terceiro clasificado, nun duelo esixente no que buscará continuar coa súa boa dinámica e pechar a tempada mantendo o alto nivel competitivo demostrado ata o de agora.
C.D. Coya – Chapela C.F. (0-1)
Triunfo do Chapela no campo do Coya. O equipo mantense en postos de play-off, cuarto con 55 puntos. Na seguinte xornada recibirán ao C.D. Nieto.
Terceira Galicia, Grupo Pontevedra
S.C.D. Poio – C.D. Cesantes (0-2)
Vitoria importante do Cesantes, que suma 57 puntos e segue segundo na clasificación, en plena loita pola promoción. O seu rival directo é o Campañó, que conta con 59 puntos. Na próxima xornada recibirán ao EFB Terra de Montes.









