Hoxe é Martes 28 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O Redondela F.S. pecha a tempada na casa con triunfo e boas sensacións

WhatsApp Image 2026-04-27 at 13.36.43

Terceira División Nacional

Redondela F.S. Rodavigo – A.D.I. Vianariño F.S. (9-5)
O Redondela despediuse da súa afección cunha vitoria contundente no último partido como local da tempada, disputado no Pavillón da Marisma. O conxunto redondelán afrontaba un duelo directo clave e respondeu cun encontro serio e eficaz, no que deixou patente a súa capacidade competitiva.

Con este triunfo, o equipo pecha a súa estrea na categoría con boas sensacións e, sobre todo, coa permanencia asegurada nunha Terceira División esixente. O balance global permite ao cadro local confirmar que ten nivel para asentarse na categoría. Na derradeira xornada de liga, o Redondela visitará ao Sala Ourense 2014 co obxectivo de pechar o curso cun resultado positivo.

Sport Sala F.S. – S.D. Pazos de Borbén F.S. (5-2)
O Pazos de Borbén non puido puntuar na súa visita á pista do Sport Sala, cuarto clasificado, e cae ata a oitava posición, empatado a 39 puntos co Redondela FS, noveno.

Tras o encontro, o club valorou o sucedido a través das súas redes sociais, destacando o esforzo do equipo nun desprazamento esixente e sinalando factores determinantes no resultado: a falta de acerto nas áreas e unha actuación arbitral controvertida que, ao seu xuízo, condicionou o desenvolvemento do partido. Tamén puxeron en valor o traballo dos xogadores e lembraron que os goles foron obra de Luis e Fredo.

Desde a entidade subliñan que, a falta dunha soa xornada para o remate da competición, a zona media-baixa da táboa continúa moi apertada, polo que todo queda aberto para unha última data que se presenta decisiva na loita pola permanencia e para evitar posibles arrastres.

O club quixo ademais agradecer o apoio da súa afección, destacando o respaldo recibido a domicilio, e fixo un chamamento á unidade de todo o colectivo —xogadores, corpo técnico e contorna— para acadar o obxectivo.

Na última xornada, o Pazos de Borbén recibirá ao C.D. Friol F.S. nun encontro clave para pechar a tempada e asegurar a continuidade na categoría.

Preferente

Pecheches FS – Campito Chapela F.S. (5-2)
Derrota do Campito Chapela na pista do Pecheches, cuarto clasificado. O equipo queda na undécima posición con 32 puntos e xogará a próxima xornada, a última do campionato, na casa fronte ao Baíña FS.

S.D. Pazos de Borbén F.S. “B” – S.D. Abetos Gondomar F.S. (3-6)
O filial do Pazos de Borbén precisa sumar con urxencia tras caer na casa ante o líder, o Abetos Gondomar. Sitúase no posto 12 e despedirá a liga como visitante ante o C.D. Beade.

Redondela F.S. Restaurante Lemos “B” – Academia Futsal Ourense (8-4)
Mellor dinámica para o filial do Redondela, sexto na táboa con 52 puntos e preto da zona de play-off. A falta dunha xornada, semella complicado que haxa cambios significativos. O último encontro será na pista do Indecisos FS.

Primeira Galicia

Arealonga F.S. Chapela – C.D. La Peña (4-7)
O Arealonga Chapela é décimo e ten xa asegurada a permanencia a falta de dúas xornadas. No próximo partido visitará ao Crecentense F.S., segundo clasificado.

Escola Futsal Morrazo – Campito Chapela Cios F.S. “B” (4-7)
Vitoria do Campito Chapela Cios “B” nun encontro aberto e con numerosos goles.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará