Os traballos de limpeza dos areais comezarán o día 15 de xuño e prolongaranse durante tres meses, ata o 15 de setembro. Nas praias da Punta en Cesantes, Arealonga e Penedos o servizo de limpeza será diario, en Soutoxuste e Rande a limpeza realizarase tres días á semana, e na praia de Cabanas en Trasmañó, será dous días por semana. O contrato, reservado a empresas de inserción laboral, ascende a 140.000 euros.
O Concello de Redondela pon a punto do seu litoral coa formalización, neste mes de abril, do contrato para a limpeza de praias. Unha adxudicación que busca adiantarse á tempada alta e asegurar unha xestión eficiente do mantemento ambiental e turístico.
O contrato, que ascende a 140.460 euros, realízase cun centro especial de emprego de Iniciativa Social. Neste sentido a alcaldesa, Digna Rivas, explica que con esta contratación “promóvese a inserción laboral de personas con discapacidade ou en risco de exclusión social”.
O operativo de limpeza estará plenamente operativo dende o 15 de xuño ata o 15 de setembro. Durante estes tres meses, os areais da Punta, Arealonga e os Penedos contarán cun servizo de limpeza diaria. Os traballos non se limitarán á area, senón que inclúen os paseos de Cesantes e Cardona, así como accesos, aparcadoiros, zonas verdes e áreas de xogos.
Seguindo o modelo de xestión do ano pasado, o Concello mantén o reforzo noutros areais: en Soutoxuste e Rande a limpeza realizarase tres días á semana, e na praia de Cabanas, Trasmañó, será dous días por semana. O concelleiro responsable, Vicente Lamas, subliñou que todas as actuacións se realizarán baixo criterios ambientais: “A limpeza faise respectando a fauna e flora da contorna” e a retirada de algas e restos vexetais será manual e conforme á normativa vixente.
Rivas, destacou a importancia de ter os deberes feitos antes do verán: “Facemos un esforzo administrativo para que todo estea operativo a mediados de xuño. Adiantándonos á tempada alta buscamos que veciñanza e visitantes poidan gozar das nosas praias nas mellores condicións posibles e con total seguridade”. De forma paralela, informou que o contrato para o servizo de socorrismo formalizarase nos vindeiros días e estará operativo do 15 de xuño ao 15 de setembro nas praias de Arealonga e Cesantes.









