Hoxe é Luns 27 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

O BNG alerta de “importantes lagoas” no servizo de atención temperá

sat1

O novo Servizo de Atención Temperá (SAT) de Redondela que ten previsto ofrecer atención pública e gratuíta a nenos e nenas de entre 0 e 6 anos de toda a comarca que presenten trastornos no desenvolvemento ou risco de padecelos nace, en palabras do BNG “con importantes deficiencias e sen garantías suficientes”. Os nacionalistas entenden que o proxecto é froito dun plan “improvisado”, cun local inadecuado e sen garantías sobre financiamento, materiais nin persoal.

Un dos aspectos que máis preocupa ao BNG é a elección do espazo onde se ubica a aula de atención temperá, nos baixos do edificio da oficina de turismo, inmoble que foi rehabilitado pensando no seu uso como sala de exposicións, espazo polivalente, museo etnográfico ou propia oficina de turismo e que “presenta carencias evidentes, como problemas de illamento acústico e iluminación, pouco compatibles cun servizo dirixido a nenos e nenas de 0 a 6 anos”.

A estas deficiencias súmase, segundo o BNG, a falta de concreción sobre cuestións básicas para o funcionamento do servizo. O voceiro nacionalista, Xoán Carlos González, advirte de que “o goberno local non concreta en ningún convenio cos concellos de Fornelos, Pazos de Borbén e Soutomaior como se vai financiar o equipamento necesario nin quen asumirá o custo dos materiais”. Lembran que este servizo está subvencionado pola Xunta de Galiza, pero dita subvención non contempla gastos de locais, obras ou materiais.

Explica o concelleiro que a atención nestas idades require intervencións específicas, xa que “a educación psicomotriz e a integración sensorial son fundamentais no desenvolvemento evolutivo”, polo que considera imprescindible contar con terapeutas ocupacionais especializados, algo que non queda garantido no proxecto presentado.

Do mesmo xeito, os nacionalistas critican a falta de información sobre aspectos clave como os criterios de admisión das crianzas ou o modelo de cofinanciación entre os concellos implicados, cuestións que consideran básicas para avaliar a viabilidade real do servizo.

A pesar das críticas, o BNG insiste en que a atención temperá é un recurso necesario e positivo, pero advirte de que o proxecto actual presenta “lagoas moi graves” que xa puxeron sobre a mesa a través das súas alegacións. Por último, critican que o goberno local non dera resposta a ningunha delas e conclúen que “se está a vender un proxecto a bombo e prato, pero a alcaldesa Digna Rivas non ten vontade de mellorar o servizo recentemente ofertado”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará