O concello de Pazos de Borbén acolle este domingo 26 de abril unha nova actividade de sendeirismo dentro da súa aposta pola divulgación do patrimonio natural e etnográfico. Trátase da andaina Levada de Casqueiros, unha ruta de carácter sinxelo que percorrerá un dos enclaves máis singulares do termo municipal.
A actividade partirá ás 10:30 horas desde o torreiro da festa da parroquia de Borbén e terá un percorrido aproximado de cinco quilómetros, cunha duración estimada de dúas horas e media. O itinerario discorre pola fraga do Río do Pozo Negro, unha contorna de gran valor paisaxístico onde conflúen natureza, historia e tradición.
Desde a organización destacan que se trata dunha ruta accesible, pensada para todo tipo de público, aínda que recomendan acudir con calzado adecuado debido á posible humidade do terreo. A iniciativa busca non só fomentar a actividade física, senón tamén pór en valor espazos naturais pouco coñecidos e promover a súa conservación.
A participación está limitada a 30 persoas, polo que é necesaria inscrición previa. As persoas interesadas poden formalizala a través do teléfono 692 613 790 ou do correo electrónico trasospasosdamour@gmail.com.










