SAR Rodavigo despediuse da súa afección na Bomboneira coa visita do Balonmán Romade, no que foi o último partido como local da tempada na liga de División de Honra Prata Feminina. As xogadoras locais dominaron o encontro de principio a fin, amosando unha superioridade clara que se foi acrecentando co paso dos minutos.
O equipo comezou con rendas pequenas, pero foi ampliando a vantaxe de forma progresiva. Ao descanso, a diferenza xa era notable: 17-10. Na segunda metade, as de Redondela mantiveron a firmeza defensiva e frearon calquera intento de reacción das canarias, xestionando o partido con solvencia ata o pitido final. O resultado final foi de 29-24.
A próxima semana, SAR Rodavigo pechará a liga a domicilio, na pista do Balonmán Xixón.
Recoñecemento ás categorías base
O club quixo recoñecer publicamente a todas as xogadoras, xogadores e técnicos de base que participaron coas seleccións galegas no CESA 2026, así como aos equipos infantil feminino e cadete feminino da SAR, que conseguiron a clasificación para o sector nacional. No acto estiveron presentes o director xeral de Rodavigo e patrocinador principal, Nazario Correa, e o concelleiro de Deportes do Concello de Redondela, Antonio Cabaleiro.
Fin de liga en Segunda Autonómica Feminina
Tras o descanso desta fin de semana de SAR Impernoroeste, Balonmán Chapela e AS Choqueiras rematarán a próxima fin de semana a tempada. O broche de ouro será o derbi entre o Balonmán Chapela e a AS Choqueiras, o sábado 25 de abril no Pavillón Municipal Manuel González Soto.










