Imaxe do derbi celebrado no Pavillón de Chapela
A Final 4 de 1ª Autonómica Masculina e Feminina da tempada 2025/2026 terá lugar os días 2 e 3 de maio de 2026 no Pavillón Municipal Manuel González Soto de Chapela. A cita estará organizada pola A.D. Carballal en colaboración co Balonmán Chapela, e nel participarán SAR Opmobility e Balonmán Chapela, xunto co Seis do Nadal e o Noroplaza Atlántico.
Esta Final 4 decidirá a última praza de ascenso a 1ª Nacional Masculina. No apartado feminino, determinará o equipo que competirá pola División de Honra Prata. No caso masculino, o Poio Artai, primeiro clasificado, accede directamente á fase de ascenso sen pasar pola Final 4.
Resultados da última xornada e clasificación final
SAR Opmobility pechou a liga cunha derrota na Bomboneira fronte ao Bueu Atlético Balonmán por 33-37. Os redondeláns comezaron por baixo no marcador (5-10), pero reaccionaron antes do descanso e chegaron ao intermedio con vantaxe (15-14). Na segunda metade, as imprecisións en ataque impediron manter o ritmo e o Bueu levou o triunfo. A pesar da derrota, o SAR Opmobility finaliza terceiro con 31 puntos e 15 vitorias, o que lle permite clasificarse para a Final 4.
Pola súa banda, o Balonmán Chapela perdeu na pista do Carballal por 32-26 e rematou a tempada en quinta posición con 28 puntos. O equipo tamén accede á Final 4, na que participará xunto ao Seis do Nadal (segundo), o SAR Opmobility (terceiro) e o Noroplaza Atlántico (cuarto).
A organización da Final 4 en Chapela supón un recoñecemento ao traballo dos clubs organizadores e unha oportunidade para impulsar o balonmán galego a nivel competitivo e organizativo.
Segunda Autonómica Masculina
A SAR Globalmar deu un paso de xigante na loita polo título de campión. Recibiron na Bombonera ao Sanxenxo Balonmán nun encontro que dominaron de principio a fin.
O equipo marcou o ritmo do partido durante todo o encontro e, ao descanso, xa mandaba no marcador (12-8). Na segunda metade mantiveron a boa dinámica, controlaron o xogo e pecharon o partido cun sólido 26-19. Con esta vitoria, o equipo xogarase o título de campión no último partido de liga, o vindeiro domingo na pista do Balonmán Arteixo.









