Hoxe é Martes 21 de Abril de 2026
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

A Anpa do Portocabeiro insta ao Concello a revisar a legalidade dunhas obras próximas ao colexio

obra vilar

A Asociación de Pais e Nais solicita ao concello que verifique de xeito inmediato a legalidade das obras que se están a realizar nunha nave en Vilar así como da actividade proxectada e a correcta xestión de posibles residuos perigosos como o amianto. Reclaman que se avalíen os riscos para a comunidade educativa e veciñal e, como medida cautelar, piden a paralización inmediata das obras ata que se dispoña de todos os informes técnicos e autorizacións necesarias.

A Asociación de Nais e Pais de Alumnos (ANPA) do CEIP Plurilingüe Portocabeiro reclama ao Concello que actúe ante as posibles irregularidades na execución dunha obras nunha nave situada na parroquia de Vilar de Infesta, a escasos metros do centro educativo, obra que se está a a realizar segundo explican “sen que conste cartel informativo visible dende a vía pública, nin información accesible sobre a existencia de licenza urbanística/comunicación previa ou título habilitante suficiente”.

Un dos aspectos que máis preocupa a ANPA é a posible existencia de materias con amianto na construción orixinal. A entidade subliña que existen indicios de que o edificio contiña fibrocemento, material cuxa manipulación é considerada perigosa para a saúde, sen que conste información pública sobre a correcta xestión da súa retirada. Neste sentido advirten de que non hai constancia da aprobación dun plan específico por parte da autoridade laboral competente da Xunta, requisito obrigatorio neste tipo de actuación.

Temen ademais que o uso futuro do inmoble poida estar relacionado co almacenamento de produtos de limpeza potencialmente perigosos, algo que, ao seu xuízo, podería resultar incompatible co entorno no que se ubica, especialmente pola proximidade co colexio

Insisten en que a nave se atopa a menos de 20 metros polo que é imprescindible “avaliar a compatibilidade urbanística da actividade prevista, así como os seus posibles impactos no tráfico, ruído, seguridade e salubridade”.

Ante esta situación, a Anpa solicitou ao concello que verifique de xeito inmediato a legalidade das obras e da actividade proxectada, así como a correcta xestións de posibles residuos perigosos como o amianto. Asemade, reclama que avalíen os riscos para a comunidade educativa e veciñal. Como medida cautelar, a asociación pide a paralización inmediata das obras ata que se dispoña de todos os informes técnicos e autorizacións necesarias, apelando ao principio de precaución e a defensa da legalidade urbanística, a saúde pública e a seguridade cidadá.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará