A parroquia de Quintela converterase este venres, día 17, a partir das 21:00 horas nun punto de encontro para os amantes do rock coa celebración do festival Rock’Intela, organizado pola asociación do centro cultural da localidade. O evento contará coa actuación do grupo América de Vigo e os grupos locais Chocolate Sexy e Los Ásperos.
A primeira edición do Rock’Intela contará cun cartel que combina talento da zona con propostas xa consolidadas. Como cabeza de cartel actuará o grupo América de Vigo, que regresa aos escenarios para presentar o seu novo espectáculo, caracterizado por un potente directo e un repertorio afastado dos temas musicais máis habituais das verbenas.
A programación completarase coa actuación de dúas formacións locais. Por unha banda, Chocolate Sexy ofrecerá un concerto baseado en versións de bandas emblemáticas do rock estatal como Leño, Rosendo, Barricada, Reincidentes, Platero y Tú ou Extremoduro. Pola súa parte, Los Ásperos renderá homenaxe á histórica banda Los Suaves cun concerto tributo. Juanjo Fernández é o presidente da Asociación Cultural.
Ademais da oferta musical, a organización habilitará un servizo de cantina e cafetaría co obxectivo de facilitar que o público poida permanecer no recinto durante toda a noite.
Con esta iniciativa, a asociación cultural de Quintela busca dinamizar a vida social da parroquia e atraer público ao centro cultural a través dunha proposta centrada no rock en directo.












