O Concello de Redondela decretou a suspensión inmediata da actividade industrial que ArcelorMittal España viña desenvolvendo nunha nave da parroquia de Chapela ao constatar que carece do preceptivo título habilitante. A resolución, baseada en informes dos servizos técnicos municipais de Urbanismo, ordena o cese do almacenamento de bobinas de chapa de aceiro e inicia, de maneira paralela, un expediente de reposición da legalidade urbanística. Con esta resolución dáse resposta a unha longa demanda da veciñanza.
Segundo explicou o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro, a actuación chega tras “un rigoroso seguimento administrativo” no que se comprobou que a empresa realizaba a actividade sen licenza. O edil sinalou que o Concello efectuara previamente requirimentos e controis para que a compañía regularizase a súa situación, sen que esta completase a solicitude de legalización no prazo establecido.
O goberno local advertiu de que o incumprimento da orde de suspensión poderá derivar na adopción de medidas coercitivas, entre elas sancións económicas reiteradas, a execución subsidiaria por parte da administración ou, de ser necesario, o precinto das instalacións.
As inspeccións urbanísticas realizadas sobre o terreo confirmaron o exercicio da actividade sen autorización. Ademais, o Concello mantivo comunicación con outros organismos, remitindo información á Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático e á Valedora do Pobo, tras requirimentos de ambas entidades.
Coa medida, o Concello de Redondela subliña o seu compromiso co cumprimento da normativa vixente e asegura que o obxectivo é garantir que as actividades industriais no municipio se desenvolvan con todas as garantías urbanísticas e ambientais, en defensa do interese xeral da veciñanza.









