Hoxe é Mércores 19 de Marzo de 2025
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Proxecto Morrinha convoca un casting para a súa nova produción en Redondela

7705fce1-2a96-406f-a318-fc2ba063fbfe

Foto da obra Od(i)osa

A compañía de teatro-danza Proxecto Morrinha, con sede en Redondela, abre un casting libre este domingo 16 de febreiro ás 17:00 horas no Centro Recreativo e Cultural de Redondela. A iniciativa forma parte do seu novo proxecto escénico, Proxecto Identidade, unha obra que trata sobre a evolución do folclore e a identidade galega, coa nosa terra como protagonista, pasando polos momentos máis importantes da nosa historia.

A compañía está codirixida por Claudia Darriba, coreógrafa, e Noelia Nuño, dramaturga, quen traballan conxuntamente na creación de pezas que combinan teatro e danza. O seu primeiro traballo xuntas é Od(i)osa, unha obra documental que recrea a histórica folga de Odosa en 1989.

Esta produción consolidou a presenza do grupo das dúas mozas, tendo moito éxito na súa estrea na Illa de Arousa, e destacándose polo seu compromiso coa memoria histórica e o enfoque social das súas montaxes. Neste momento, mentres preparan a súa seguinte obra, continúan coa xira de Od(i)osa.

Claudia Darriba explica que a nova obra de teatro Proxecto Identidade xurdiu coa finalidade de explorar novas maneiras de narrar a través do corpo e o movemento, integrando historias reais en cada representación. A trama recolle a historia de Galiza, desde os Séculos Escuros e o Franquismo ata a actualidade, e utilízase a literatura como fío condutor, mesturando música contemporánea para enriquecer a parte corporal e achegar un enfoque innovador. “Buscamos que o noso traballo logre conectar co público e xere reflexións sobre a nosa identidade como galegos e galegas”, destacou a directora e coreógrafa.

A compañía anima a todas as persoas interesadas en formar parte deste novo proxecto a acudir ao casting. Concretamente, están buscando bailaríns maiores de 18 anos de todos os estilos e modalidades de baile, xa sexa hip-hop ou baile galego. O máis importante é ter ganas de traballar, pero sobre todo encaixar no sentimento de comunidade que queren crear. Por iso, poñen o foco na mirada feminista que caracteriza a liña narrativa da compañía.

“O casting consistirá principalmente nunha improvisación”, Claudia Darriba.

O casting terá lugar o domingo 16 de febreiro no Centro Recreativo e Cultural de Redondela. Para máis información, os interesados poden contactar coa compañía a través das súas redes sociais (@proxectomorrinha) ou no correo proxectomorrinha@gmail.com. Os ensaios serán todos os domingos de marzo e abril, unha vez remate o proceso de selección de artistas.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará