A obra achega feitos históricos acontecidos en Portugal nos anos previos á revolución dos cravos, da que se conmemora este ano o 50 aniversario. Baixo a dirección do galego Quico Cadaval a obra conta co apoio do Centro Dramático galego e poderá verse este sábado 15 ás 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira. A entrada ten un prezo de 4 euros.
Comedia e drama van da man neste novo espectáculo no que os actores de Tanxarina, Miguel Borines, Andrés Giráldez e Tatán, colaboran coa Companhia Certa de Póvoa de Varzim para reflexionar sobre a liberdade cunha posta en escena que celebra o 50 aniversario da Revolución portuguesa.
Unha obra que ten detrás moito traballo conxunto dos propios actores e as contribucións do dramaturgo galego-guimarense Zê Paredes e o director de teatro galego Quico Cadaval así como o traballo dun colaborador habitual, Pablo Pastor encargado da escenografía.
Unha obra principalmente actoral pero na que non falta a presenza dos títeres, neste caso cunha alegoría a Liberdade que vai percorrendo todas as escenas. Outra das súas singularidades é que se empregan tres idiomas: galego, portugués e castelán.
A compañía galega e a portuguesa con esta colaboración quebran o tópico da fronteira que separa aos dous pobos e procura o que une aos creadores escénicos en todo o mundo: os anhelos de liberdade e un ollar crítico do mundo.
Joana Soares, Joana Luna, Miguel Borines, Eduardo Faria, Andrés Giráldez e a participación do mestre titiriteiro Eduardo Cunha “Tatán” forman parte do elenco da obra que xa se estreou en Portugal e está a rodar agora por Galicia.
A actuación en Redondela será este sábado ás 20:00 horas no Multiúsos da Xunqueira.
