As celebracións do entroido contarán con catro días de festa, con actividades o 1 de marzo centradas nos máis novos e que inclúen o concerto da orquestra París de Noia no campo da feira. O domingo estará centrado no desfile das comparsas e o Martes do Entroido terá lugar a tradicional queima do Meco. En Chapela o Enterro do Berete celebrarase o sábado 8 de marzo.
O sábado 1 de marzo comezan as celebracións do Entroido en Redondela. A rapazada será a protagonista desta xornada co Etroido Infantil e Xuvenil con obradoiros na Alameda de Castelao entre as 17.00 e as 19.30 horas. A Praza da Constitución acollerá o espectáculo do Mago Noel ás 17.30 horas, co show “Que curioso!”. A música correrá a cargo do grupo The Turre´s Band cun animado pasarrúas polo centro da vila desde as 18.30 horas. A partir das 22.00 horas arrancará a música no campo da feira coa orquestra París de Noia.
O domingo día 2 a partir das 17.00 horas terá lugar a concentración das comparsas no Campo da Feira. Ás 18.00 fará o seu pasarrúas Tío Emilio, a tradicional comparsa representativa do Entroido redondelán. A continuación será o desfile de comparsas que percorrerá as principais rúas da vila con entraga de premios ás 20.30 horas.
Martes de Entroido
O Martes de Entroido ás 17.00 horas comezará o Desfile-Concurso de Disfraces individual e colectivo. As inscricións para participar poderán facerse nos soportais do Concello desde as 16.00 e a entrega de premios será ás 18.45 horas.
Os máis pequenos terán o seu espazo na Alameda Castelao con diferentes obradoiros desde as 17.00 e ata as 19.30 horas. As rúas contarán con moita animación da man da batucada de Latexo Percusión. Ás 19.00 horas, fiel á súa cita, celebrarase a queima do Meco co espectáculo “Pachamama” de Troula Animación. A festa continuará pola noite desde as 20.30 horas coa música do grupo Hey Hematoma, que fará bailar aos público coas cancións de Siniestro Total na praza da Constitución.
Entroido en Chapela
O sábado día 8 celebrarase o Entroido en Chapela. As comparsas reuniranse ás 17.00 horas do alto da Encarnación. Ás 18.00 horas sairá o desfile acompañado polos percusionistas e tamborileiros de Aperta. Pecharán a comitiva os participantes do Enterro do Berete que fará o seu percorrido ata a praia de Arealoga. A queima do Berete será ás 20.15 comezará. A xornada pecharase coa música da discoteca móbil que comezará a sesión ás 20.45 horas no paseo marítimo de Chapela.