O goberno local investirá 200.000 euros co obxecto de acondicionar e arranxar as instalacións e dotar de vida un espazo que se atopa en pleno centro urbano de Arcade, habilitando as casas dos mestres do Colexio da Oliveira para a realización de actividades sociais e culturais e para que sirvan tamén como lugar de encontro e reunión do tecido asociativo do concello.
De cara á realización desta obra, o Goberno de Soutomaior ten previsto levar a cabo un investimento aproximado de 200.000 euros, polo que ao tempo que se redacta o proxecto trabállase de maneira simultánea á hora de buscar fórmulas de financiamento para acelerar os pasos de cara a desenvolver a actuación. O obxectivo do Goberno e que tanto o propio Concello como o tecido asociativo municipal poidan facer uso destes espazos o antes posible.
A recuperación das antigas casas dos mestres súmase a reurbanización, mellora e humanización do Val-Sobral e a creación dun núcleo de centralidade na Casa do Concello, dotando a casa consistorial dunha praza.
Ademais, o Goberno de Soutomaior ten vivos varios proxectos importantes noutras zonas do concello que irá anunciando nas vindeiras datas, co obxectivo de avanzar na transformación rural e urbana de Soutomaior.
O alcalde de Soutomaior, Manu Lourenzo, sinalou que “as antigas casas dos mestres están no pleno centro urbano de Arcade e queremos convertelas nun espazo cheo de vida e de actividade. Coa contratación do proxecto de rehabilitación integral damos un primeiro e importante paso para estas instalacións poidan ser usadas polos veciños e veciñas, sumando un novo punto de encontro para o tecido asociativo do noso concello”.