A escola de baile Dansarey de Redondela volve estar de parabéns. Nada menos que seis grupos do club lograron clasificarse para a final nacional tras a súa brillante actuación no clasificatorio da zona Norte, celebrado recentemente en Burgos. Este novo éxito reafirma a Dansarey como un referente indiscutible no mundo da danza.
Lidia Iglesias, directora da escola, destaca o esforzo e a dedicación dos seus bailaríns, galardoados en Andalucía nos premios Duende. A preparación para competicións deste nivel require unha planificación minuciosa. Segundo Lidia Iglesias, “o traballo técnico, a coordinación grupal e a posta en escena son claves para destacar en torneos deste calibre”. Ademais, a escola aposta por unha formación integral, combinando a esixencia técnica coa creatividade e a expresión artística. Algo no que destacan a nivel internacional e que os posiciona no máis alto.
En Burgos, ademais de clasificar para o nacional, os 6 grupos acadaron resultados destacados:
- Fusión Latina: 2º posto cadete estilo libre.
- Girlys: 2º posto júnior estilo libre.
- Odisea: 1º premio especial xurado júnior estilo libre.
- Dansarey Ladies: 3º posto open estilo libre.
- Dansarey Queens: 1º posto open estilo libre.
- Kukiladies: 2º posto premium estilo libre.
Este novo fito súmase a unha traxectoria xa impresionante. En 2024, Dansarey acadou dous ouros e unha prata no Campionato Europeo celebrado en Gran Canaria, medíndose con algúns dos mellores clubs do continente. O seu obxectivo agora é volver a clasificarse para o novo Europeo que se celebraría en 2026, para o que deberán quedar entre os tres primeiros no nacional. Este ano a competencia será máis complicada, porque o nivel de participación sube. “Ata o de agora Dansarey Queens e Dansarey Ladies competían en avanzado, pero deron o paso a profesional e a cousa complícase”, subliña Lidia Iglesias.

Estes resultados consolidan a escola non só a nivel nacional, senón tamén internacional. A comunidade de Dansarey, composta por alumnos, familias e seguidores, celebrou este novo éxito, nun evento onde estivo presente case 100 persoas entre participantes e acompañantes.

Agora, toca traballar duro para a final nacional. De cara ao futuro, Dansarey non só aspira a lograr grandes resultados na final nacional de 2025, senón que tamén segue a traballar para manter o seu lugar entre os mellores clubs de danza. “O noso obxectivo é seguir crecendo, formando novos talentos e levando o nome de Redondela o máis alto posible“, conclúe Iglesias.


