O reivindicativo certame redondelá dedica a edición deste ano á ameaza que para Galicia supón o proxecto de macrocelulosa de Altri. As obras, que teñen que estar feitas con material de refugallo, expoñeranse polas rúas, prazas e escaparates de Redondela. As persoas ou colectivos que queiran participar deben inscribirse online antes do 14 de marzo a través dun cuestionario no que achegan datos sobre as súas propostas artísticas.
A Asociación artelixo decidiu nesta edición centrar a súa reivindicación na macrocelulosa de Altri. Insisten en que se trata dun “proxecto esnaquizador que propón un modelo nada sustentable, con nefastas consecuencias para a comarca da Ulloa e para toda Galicia que conta co beneplácito do goberno da Xunta malia a oposición brutal das veciñas da contorna e de boa parte da sociedade Galega”.
Por ese motivo, e para posicionarse claramente en contra do proxecto, os organizadores decidiron rebautizar o certame ecoloxista, que nesta edición levará por nome AltriLixo “apoiando esta loita, esta reivindicación ecolóxica e veciñal, que recorda os orixes deste Colectivo”.
E un ano máis convidan á cidadanía a colaborar coa iniciativa animando a que presenten obras feitas con material de refugallo que serán expostas en abril en rúas, prazas e escaparates.
Lembran que os artistas será os encargados de colocar e retirar as súas obras do sitio elixido, por unha cuestión loxística e porque é a propia persoa que concibiu a obra quen mellor saberá como presentala do xeito máis correcto. Tamén recomendan un tamaño máximo para aquelas obras que buscan seren expostas nos comercios ou nos escaparates, con medidas que non superen os 50 centímetros. Para resolver calquera dúbida teñen aberto o correo electrónico: artelixoredondela@gmail.com