O BNG vén de demandar ao Ministerio de transportes que proceda a iniciar as obras de mellora na curva de Trasmañó na N-552 ao seu paso por Redondela. Unha actuación que segundo explica a senadora Carme da Silva foi declarada de emerxencia por parte de Demarcacións de Estradas ante o mal estado do firme dun tramo de estrada cun elevado volume de tráfico e que permanece balizado dende hai catro meses sen que se teñan iniciado os traballos.
O estado do firme da N-552, na curva de Trasmañó, entre o Alto da Encarnación e a ponte de Rande é obxecto de queixas e reclamacións desde hai máis dun ano. Numerosas fochancas, fendas e outras deficiencias converten esta curva nun punto perigoso para a condución chegando a ser balizada a zona por parte da Demarcación de Estradas do Estado hai catro meses e mesmo declarándoa como obra de emerxencia.
O mal estado da curva de Trasmañó foi obxecto de estudo por parte da Dirección Xeral de Estradas que procedeu á sinalización do tramo e o desprazamento dos carrís, suprimindo a beiravía da marxe máis próxima á AP9 para que o tráfico evite a zona das fochancas. Ademais, reduciuse a velocidade neste tramo a 40 km/h o que está a afectar gravemente á mobilidade diaria e a centos de persoas usuarias da vía. Con todo, esta actuación está aínda pendente de licitación catro meses despois de balizarse a zona.
Advirte a senadora nacionalista, que a N-552 é a vía empregada para os desprazamentos entre Redondela e Vigo polo que, sendo unha área metropolitana moi poboada e con elevados fluxos de circulación, a día de hoxe constitúese como unha vía de elevada mobilidade.
“Queremos que o Ministerio de Transportes explique a que se debe o retraso das obras para a mellora do estado firme da N-552 na curva de Trasmañó, e que aclare cando se van iniciar estas actuacións que foron declaradas de emerxencia por parte da Demarcación de Estradas” subliña a senadora.
