O Campionato Galego Sub-23 de Pista Cuberta celebrouse o domingo en Expourense, nunha cita que reuniu a elite do atletismo galego e na que os atletas do Club de Atletismo de Redondela destacaron cos seus resultados. Ademais, os deportistas contaron cun gran apoio por parte dos seus compañeiros de club, todo baixo a dirección do adestrador Javier Besada Vázquez.
Os e as sub-23 tomaron Ourense para mostrar o seu talento sobre o tartán de Expourense, nun evento que contou coa presenza dos clubs máis importantes da comunidade. A representación redondelá non defraudou, conseguindo varias medallas e melloras de marcas persoais.
Os resultados máis destacados foron os seguintes:
- Nerea Lago Pires proclamouse subcampioa galega en Salto de Altura e en Triplo Salto, ademais de conseguir a medalla de bronce en Salto de Lonxitude.
- Guilherme Vicente Vaz proclamouse subcampión galego en Salto de Lonxitude e obtivo o bronce en Salto de Altura.
- Andrés Corugeira Ligero logrou mellorar as súas marcas persoais en dúas probas: 200 metros (PB 26.25) e 400 metros (PB 58.25).
Os resultados confirman o gran traballo do Club de Atletismo de Redondela e o talento dos seus deportistas, que seguirán traballando para continuar acadando éxitos no atletismo galego.
Este domingo 2 de febreiro se celebra en Expourense o Campionato Galego Absoluto e o CAR participa con tres atletas confirmados : Guilherme Vicente Vaz e Nerea Lago Pires de sub23 e Gael Couñago Romasanta de sub18.




