A obra contempla a renovación integral de todos os vestiarios, aseos e lavabos, sala de fisioterapia, zona da lavandaría, sala de caldeira, local social e almacén así como a substitución de toda a iluminación por tecnoloxía Led en todos os campo de fútbol e pistas de tenis anexas, o que suporía un aforro de 30.000 euros anuais. Os traballos, cun prazo de execución de 3 meses, están valorados en 249.386 euros, e o Concello propón a súa inclusión no II Plan de Infraestruturas Deportivas da Deputación.
O Concello de Redondela presentou ante a Deputación de Pontevedra o proxecto para a reforma dos vestiarios e o cambio de iluminación no Campo de Fútbol Municipal de Santa Mariña e os seus anexos ante o “mal estado que presentan as instalacións debido ao uso e ao paso do tempo”, explica o concelleiro de Deportes, Iván Valles.
O proxecto contempla retirar todo o mobiliario existente nos vestiarios: portas, xanelas, aparellos sanitarios e luminarias así como aseos e lavabos, sala de fisioterapia, zona da lavandaría, sala de caldeira, local social e almacén. Colocarase novo pavimento antiescorregadizo, substituiranse as xanelas por outras novas de aluminio e cambiaranse as portas interiores por outras novas de madeira hidrófuga. Substituiranse todos os aparellos sanitarios por uns máis modernos, así como as luminarias instalando modelos LED, co consecuente aforro enerxético. Realizarase unha nova instalación de fontanaría e farase a impermeabilización da cuberta na zona da lavandaría e vestiarios.
O proxecto inclúe tamén a mellora da contorna exterior, coa renovación das beirarrúas exteriores e os accesos. Na chaira existente na parte posterior e no lado dereito dos vestiarios proxéctase a realización dun recheo e asfaltado.
Aposta pola eficiencia enerxética
O proxecto inclúe a substitución de toda a iluminación actual dos campos de fútbol e as pistas de tenis anexas por tecnoloxía LED . Isto vai permitir unha importante redución da factura eléctrica anual. Iván Valles sinala que se producirá un aforro de máis de 30.000 euros anuais “o que vai repercutir directamente nos orzamentos de Deportes”. O edil explica que este proxecto vai na liña da estratexia do Concello, que aposta pola eficiencia enerxética, un plan que xa se vén aplicando nos últimos anos.