Foto de @pilyrenhones_photographer
O cantante Javi Maneiro presenta o seu novo sinxelo en solitario, titulado “Anxos no Inferno”, unha peza que supón un auténtico punto de inflexión na súa traxectoria artística e na súa vida persoal. Inspirado por unha experiencia vivida en Redondela, o artista confesa que foi nesta localidade onde “volveu nacer” tras o duro revés de saúde que sufriu durante un concerto con Herdeiros da Crus no Entroido de Verán 2023. Este proceso de superación marcou profundamente o seu camiño artístico, dándolle un novo enfoque á súa música e á súa maneira de entender a vida.
O artista revela que chegou a poñer a súa vida en perigo sen sabelo, subindo ao escenario en Redondela mentres padecía un sangrado interno na cabeza. “Notei como un disparo na cabeza. Fun ao médico e dixéronme que era das cervicais, pero resultou ser algo moito máis grave”, explica Maneiro. Con todo, do malo logrou extraer aprendizaxes valiosas.
“Notei como un disparo na cabeza fun ao médico e dixéronme que era das cervicais, pero ao final resultou ser algo máis grave”, Maneiro.
Na súa letra, o artista rememora as experiencias que marcaron o seu renacemento, dedicando palabras especiais ás persoas que foron clave no seu proceso, como a súa nai e a súa avoa. Ademais, fai un recoñecemento sincero ao labor dos sanitarios e sanitarias, destacando a súa capacidade para ofrecer un sorriso incluso nas circunstancias máis difíciles nos hospitais, un xesto que, segundo Maneiro, pode ser unha verdadeira luz no medio da escuridade.
“Anxos no Inferno” destaca non só pola súa intensidade sonora, onde a forza do rock se funde coa melódica do pop, senón tamén pola profunda carga emocional que transmite. A canción, escrita e composta por Maneiro, contou coa produción de Fran Gude e os arranxos de Rubén Cores, e está impregnada de agradecemento e reflexión. O propio artista explica que a canción xurdiu como unha ferramenta para procesar o que estaba vivindo. Nada máis saír do hospital, comezou a escribir frases nunha libreta, deixando fluír as emocións. Eses primeiros bocetos, cargados de vulnerabilidade, foron madurando ata converterse na canción que hoxe coñecemos.
“Esta canción é unha homenaxe á vida, aos meus anxos gardiáns que me salvaron cando estaba no meu inferno persoal”, comenta Maneiro. “Anxos no Inferno” forma parte dun ciclo de cambio iniciado co disco “Un Bonito Despertar”, pero tamén é o anuncio dun novo proxecto en camiño: un álbum no que se incluirá este emotivo tema.
A canción xa está dispoñible en YouTube e nas principais plataformas dixitais. Coa súa proposta en solitario, Javi Maneiro reafirma a súa capacidade para conectar co público a través de letras profundas e un son contemporáneo que segue mantendo a súa esencia.
“Volvín a nacer en Redondela”, asegura o artista, quen tamén aproveita a ocasión para convidar a todos os seus seguidores a unirse a esta viaxe musical que se atopa á fronte de novas emocións e experiencias.