Foto de Remeirando
O Club de Remo Chapela reafirmou a súa posición como unha das entidades destacadas do remo galego na tradicional regata do río Miño, que este ano rexistrou un récord de participación con 22 clubs, 46 tripulacións e uns 300 deportistas. A competición, organizada polo Club de Remo Miño, marcada polo dominio dos clubs lusos, tamén contou con actuacións de alto nivel por parte dos equipos galegos, entre os que sobresaíu o CR Chapela.
Na modalidade olímpica de banco móbil 8 con temoneiro masculino, o equipo A do CR Chapela acadou unha meritoria segunda posición, rematando a proba en 22:38.73 minutos, a tan só 22 segundos do vencedor, o Clube Fluvial Portuense. O terceiro posto foi para o CR do Miño, con 22:43.85.
O bo rendemento do CR Chapela tamén se deixou notar no 8 con temoneiro feminino, onde o equipo feminino ocupou o terceiro caixón do podio cun tempo de 27:07.76. Nesta categoría, a vitoria foi para o Clube Fluvial Portuense (26:12.77), seguido do San Felipe de Ferrol (26:56.37).
A regata do Miño foi un exemplo da crecente rivalidade entre os clubs lusos e galegos. Cabe destacar que esta é a primeira vez que os de Chapela participan con tres embarcacións e con estes resultados, o CR Chapela demostra unha vez máis o seu compromiso co deporte de elite e o seu potencial para competir ao máis alto nivel, mantendo a representación redondelá entre os mellores tanto en categoría masculina como feminina.
