Foto de Patry Rivas
A fin de semana deixou un sabor amargo para os equipos de balonmán feminino, que non lograron acadar vitorias nos seus respectivos encontros.
DH Plata Feminina: SAR Rodavigo 21 – Rocasa Gran Canaria 26
No Pavillón Municipal da Bomboneira, as xogadoras da SAR Rodavigo non puideron superar ao Rocasa Gran Canaria, nun partido moi disputado que rematou cun 21-26 no marcador. A pesar do esforzo das redondelás, o equipo visitante levou o control do encontro, aproveitando os momentos clave para consolidar a súa vantaxe.
Tras un inicio igualado (6-7, min 15), as canarias fóronse ao descanso cunha notable vantaxe grazas á súa efectividade ofensiva (8-15, min 30). Na segunda metade, as mozas locais recortaron distancias (12-16, min 44), pero o Rocasa soubo xestionar a súa vantaxe, pechando o encontro 21-26. A pesar da derrota, o grupo mostrou esforzo e carácter#ante un rival de gran nivel e renome.
Mantéñense na metade da táboa e a próxima xornada, sábado 25 de xaneiro, visitan ao HandVall Valladolid.
Primeira Autonómica Feminina: BM Samertolameu 30 – BM Chapela Cíes Obra Civil 13
Dura derrota para as mozas do BM Chapela, que caeron ante o BM Samertolameu no Pavillón de O Rosal. O encontro estivo marcado polos numerosos erros das visitantes, que non lograron atopar o ritmo de xogo necesario para competir. Co resultado de 30-13, o Chapela mantense no último posto da clasificación, en risco de descenso.
O próximo sábado terán un partido importante na casa contra o Poio Artai que tamén está nos postos baixos e é unha boa oportunidade de sumar.
Segunda Autonómica Feminina: BM Pabellón Ourense 29 – As Choqueiras Pastoriza 19
As Choqueiras Pastoriza tampouco conseguiron puntuar na súa visita a Ourense. O BM Pabellón Ourense impúxose con solvencia cun resultado de 29-19, deixando ás xogadoras de Redondela como pechacancelas da liga. A próxima xornada reciben ao líder, o Seis do Nadal – Coia.
Os equipos de Redondela afrontan agora o desafío de reverter a súa situación nas próximas xornadas.