Hoxe é Venres 15 de Novembro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Cortes no subministro eléctrico, caídas de árbores e problemas na circulación, balance do paso de Kirk por Redondela

temporal

Entre as 8 da mañá e as dez o teléfono da Policía Local de Redondela non deixou de soar. Medio cento de veciños e veciñas de diferentes parroquias e do casco urbano reclamaban a presenza dos axentes por incidencias provocadas polos fortes refachos de vento. As máis salientables: a caída dunha árbore sobre unha casa e un coche en Saxamonde ou unha antena que se desprendeu dun edificio na rúa Isidoro Queimaliños. En Chapela o corte do subministro eléctrico deixa negocios, cafeterías, vivenda e o Instituto da parroquia sen luz. Un cortes que afectaron tamén a parroquias como Cedeira ou Cesantes.

A situación vai volvendo a normalidade logo de dúas horas intensas nas que os fortes refachos de vento provocaron incidencias numerosas que se sumaron ás xa detectadas ao longo da noite. A Policía Local contabilizou medio cento de chamadas dende as 8 da mañá que alertaban de diferentes incidentes, principalmente caídas de polas e árbores que dificultaban a circulación nalgúns puntos do municipio.

Unha das máis salientables tiña lugar en Saxamonde, onde a caída dunha árbore no Camiño Cerradas do Monte (nas inmediacións do campo de fútbol de Chan das Pipas) provocaba danos materiais ao precipitarse enriba dun coche e dunha vivenda.

Tamén foi necesario actuar no casco vello, concretamente na rúa Isidoro Queimaliños, debido ao desprendemento dunha antena dun edificio que ameazaba con virse abaixo.

Na rúa Pai Crespo unha estrutura metálica tamén se desprendeu do tellado dun edificio.

Peche Alameda e Paseo Maceiras

Incidencias numerosas que son consecuencia dos coletazos do furacán tropical Kirk, que descargaron nas últimas horas precipitacións intensas que provocaron anegamentos nalgunhas zonas do concello, malia que foron os fortes refachos de vento os que deixaron as incidencias máis salientables, con árbores caídos, cables colgando e colectores movidos que obrigaron a intervir aos servizos de emerxencias.

Para previr calquera suceso de maior gravidade dende o Concello de Redondela decidiron onte incrementar as medidas de precaución, neste sentido procederon a pechar o paseo do Maceiras – que adoita anegarse cando hai fortes precipitacións e se producen crecidas do río- así como a Alameda Castelao, ante a eventual caída dalgunha póla por efecto do vento.

Dende a Policía Local apuntan que nas últimas horas foron moitas as chamadas recibidas por parte da veciñanza, alertando principalmente da caída de árbores e contedores que o vento arrastrara, situación ambas que provocaban perigo nas estradas polo que foi preciso actuar en diferentes puntos.

Os efectos do ciclón Kirk, que chegou a Galicia convertido nunha forte borrasca. Seguirán sentíndose durante a xornada de hoxe. As previsións falan de precipitacións acumuladas de ata 30 litros por metro cadrado.

Ante esta situación a Xunta activou tamén o plan de seguimento sobre o nivel dos ríos debido a posibles desbordamentos puntuais nos seus cursos, mentres que Meteogalicia decretou alerta vermella no mar por ventos do sur de forza 10 durante esta madrugadas e as primeiras horas do día.

Recomendacións

Dende o Concello aconsellan non transitar pola zona dos paseos marítimos de Cesantes e Chapela e calquera zona arbolada mentres estea activa a alerta climatolóxica por chuvia e vento. Tamén manter a máxima precaución posible á hora de circular en vehículo e, sempre que non sexa imprescindible, evitar coller o coche.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará