Hoxe é Venres 4 de Outubro de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Vanesa Cabaleiro (taxista): “Non atopei comportamentos machistas nin entre os compañeiros nin entre os clientes”

vanessa

Logo de seis anos como taxista recomenda a toda muller que lle guste conducir achegarse a este sector no que asegura sentirse moi cómoda. Afirma que a conciliación é moito máis doada como condutora autónoma que cando traballaba para unha empresa como asalariada. Entre a súa clientela ademais de empresas, peregrinos e turistas tamén se atopan os propios veciños e veciñas de Redondela e, de entre todos eles, “as avoas” son a súa debilidade.

Cando mercou o seu taxi era a única muller en Redondela cunha licenza para dar este servizo. Toda unha precursora que agora conta xa cunha compañeira e, en breve, confía en que xa sexan tres as taxistas mulleres no noso concello. Un oficio que recomenda e do que salienta a facilidade para conciliar xa que unha das súas vantaxes é a disponibilidade horaria que Vanessa organiza en base as súas necesidades.

Sobre a tan manida frase “muller ao volante perigo constante” afirma que nunca tivo que padecela e puntualiza “as mulleres somos as que menos accidentes sufrimos ao volante, por iso as aseguradoras nos fan seguros máis económicos”.

Vanesa Cabaleiro Monteagudo asegura non ter sufrido ningún comportamento machista “os meus compañeiros trátanme como unha máis” e tampouco entre a clientela.

Con todo, tamén puntualiza que non traballa en horario nocturno a non ser clientes xa coñecidos que lle piden carreiras moi concretas, por exemplo que os leve ao aeroporto de Porto ou Santiago. Confirma esa percepción xeralizada de que as quendas de noite son as máis perigosas “imaxino que é nese horario cando te podes atopar con persoas menos respectuosas”.

Nestes anos levou máis dunha sorpresa nas súas carreiras. Unha das máis emocionantes foi a que a levou a trasladar dende o Aeroporto a un dos seus artistas favoritos: o cantante Carlos Baute.

Con todo, as súas clientas preferidas son as “avoas”, mulleres que precisan dun taxi para se desprazar e as que chega incluso a acompañar ao médico “na vez de esperar no exterior do Hospital entro con elas na consulta e tomo nota de todo o que lle di o médico”.

Vanesa é unha desas mulleres pioneiras que vai abrindo camiño nun sector tradicionalmente dominado polos homes, como é o sector do taxi.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará