Hoxe é Sábado 27 de Xullo de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Os empresarios critican que a oferta para recoller as súas propostas no PXOM chegue a un mes de pecharen os prazos

pxom

A Asociación de empresarios reuníase por primeira vez esta semana co equipo redactor do Plan Xeral. Unha reunión que, ao seu entender “chega tarde porque é a primeira en seis anos e a tan só un mes de pechar o prazo de alegacións”. Con todo, valoran positivamente que o equipo redactor recoñeza “abertamente o desequilibrio dos usos produtivos e residenciais do solo” e anuncian que iniciarán “contra reloxo” un proceso de consultas e reunións co tecido produtivo que permita analizar a situación e formular propostas.

Na reunión estiveron presentes membros da Xunta directiva da Asociación de Empresarios e técnicos da entidade, o concelleiro de Urbanismo, Antonio Cabaleiro e as persoas responsables do equipo redactor do estudo de arquitectura Jornet LLop Pastor Arquitectes, María Ríos Carballeira e Sebastià Jornet.

As Micro Áreas de Actividade Económica (MACE), foron un dos eixos básicos da reunión, e sobre as mesmas o equipo redactor abre as portas a recoller no plan necesidades detalladas e concretas. Explican que os planeamentos de desenvolvemento dalgunhas destas áreas presentan problemas de viabilidade importantes, especialmente dende o punto de vista técnico polo que a Asociación considera importante “abordar de forma prioritaria estes aspectos e “salvar” o pouco tecido industrial que nos queda”.

Por este motivo e “a contra reloxo” a asociación lanzará a partir do luns un proceso de consultas e reunións co tecido produtivo que permita analizar a situación e as propostas dos distintos sectores involucrados malia que insisten en que precisarían dun maior prazo para acometer un proxecto desta envergadura.

Dende a Asociación considera ademais importante definir certos principios nas áreas de centralidade urbana como “Áreas de actividade económica” en aras de acadar unha consolidación do modelo de Centro Comercial Aberto de Redondela integrador co resto de eixos comerciais do municipio, segundo explican nun comunicado.

Desde a Asociación valoran positivamente a proposta e o achegamento de posturas pero apuntan que “a un mes de pecharse os prazos e tras anos solicitando manter esta reunión parece unha tomadura de pelo o ofrecemento de armar unha proposta rigorosa e documentada técnica e economicamente viable”.

Neste sentido, lamentan que a reunión programada para o 15 de marzo de 2022 co equipo redactor se frustrara e fora cancelada o mesmo día da xornada xa que ese “tería sido o momento de por en marcha os mecanismo necesarios para que o tecido empresarial planificar as actuacións que agora xa poderían estar reflectidas neste plan”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará