Hoxe é Martes 30 de Abril de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

BM Chapela volve ao Campionato de España despois de 15 anos

WhatsApp Image 2024-04-15 at 19.54.50

A directiva do Balonmán Chapela aposta pola canteira e consolida un proxecto que consideran “de futuro” e que xa está dando os seus froitos. Durante esta tempada, 5 deportistas base destacaron na súa participación na Selección Galega de Balonmán e o equipo infantil feminino conseguiu clasificarse para o Campionato de España.

O equipo infantil feminino xoga na Liga Ouro e quedou a só un punto de convertese nas campioas galegas da súa categoría. Por suma de puntos na táboa xeral, a vitoria foi para o Mecalia Atlético Guardés, sen embargo destacaron por só rexistrar unha derrota e un empate no total da tempada. Concretamente, perderon contra o BM Culleredo Sutenor e empataron contra o Tecnosat BM. Cangas. O éxito global permítelles o pase directo ao Campionato de España. Ademais das xogadoras do infantil, existe a posibilidade de que as cadetes alcancen a competición estatal se superan a Final4 que teñen prevista para mediados de maio.  O Coordinador do club, Carlos Fernández, mostrábase orgulloso e satisfeito con estes resultados “froito de anos adestrando xuntas dende as categorías inferiores, algo polo que sentirse gañadoras”.

O técnico apuntaba este logro “ao cambio de directiva que aconteceu fai 5 anos” e destacaba a remontada no nivel de xogo que lles permite “despois de 15 anos situar a un equipo no Campionato de España”. Fai unha década o equipo absoluto foi campión de Primeira Nacional en dúas ocasións, disputando tres fases de ascenso a División de Honra “B”, gozando desta división de prata durante a tempada 2013/2014.

En xaneiro deste ano 5 xogadores do BM Chapela competiron na Selección Galega.  Antía, Noa e Sabela do equipo infantil feminino participaron no Campionato de España de Seleccións Territoriais (CESA) disputado en Cataluña, onde caeron na final ante as anfitrioas. Mateo e Lois, do infantil masculino e cadete masculino respectivamente, tamén estiveron na selección coa súa categoría e demostraron “o talento base que forma o BM Chapela”.

O único problema que sinalan dende a directiva xa é algo soado. Fernández denuncia ”a falta de espazo e infraestruturas deportivas en Chapela que fai que teñan dificultades para atopar horarios de adestramento” ao compartir pista no Pavillón Manuel González Soto con moitas outras disciplinas.

Os datos demostran un crecemento significativo para o club  que se achega ás 200 licenzas esta tempada. O obxectivo é seguir crecendo “dando valor ás persoas e protexendo o grupo humano que conforman” para superar algún día “o número de deportistas base que consigan conformar os equipos sénior do futuro”. Fernández di sen medo que “quere que os equipos sénior estean conformados por máis do 80% de deportistas da base do Chapela”.

Están traballando duro para que o BM  Chapela “este onde ten que estar”, é dicir, “xogando na categoría máxima”. Historicamente o club xa demostrou a súa valía chegando a xogar na liga Asobal en etapas anteriores.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará