Hoxe é Sábado 18 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Lume ao machismo en Redondela

meco editado

Martes do entroido de comidas, festa na rúa e queima do Meco, cun Rubiales reducido a cinzas na praza do Concello en medio dun espectáculo de pirotecnia e fogos de artificio que volveu reunir centos de persoas nunha das festas máis participativas do ano en Redondela. Durante a tarde “Os Estrellados” fixéronse co primeiro premio nun concurso no que grandes e cativos desfilaron para amosar os seus disfraces. A festa continuará o sábado en Chapela coa celebración do Enterro do Berete e xa o día 25 terá lugar o desfile de comparsas, adiado por mor da chuvia da pasada fin de semana.

 “Que queime o lume o machismo, a violencia, e o sexismo. Que ardan os teitos de cristal e as  agresións sexuais. Que se convertan en cinzas os abusadores. Que o lume nos ceibe dos poderosos que se cren donos dos nosos corpos. Que iso todo non sexa un soño e que Redondela berre lume aos que nos agreden e que sexamos libres de vestir como nos pete. Lume, lume lume!!!!”.

Manifesto Queima do Meco

Con estas palabras prendíaselle lume ao meco que este ano representaba ao ex presidente da Federación Española de Fútbol, Luis Rubiales, quen se viu obrigado a dimitir do cargo logo do polémico bico non consentido á xogadora Jennifer Hermoso.

Un meco que foi reducido a cinzas nunha xornada de moita festa en Redondela e que congregou en torno aos oito da tarde a centos de persoas que non se quixeron perder o espectáculo de Troula Animación e os fogos de artificio que deron paso a música da Duendeneta instalada na rúa Alfonso XII.

Unha festa que durante a tarde tivo como atractivo principal o concurso de disfrace no que o primeiro premio na categoría de grupos foi para “Os Estrellados”, ataviados de cervexas e aos que non lles faltaba nin a caixa. O 2º premio desta mesma categoría acadárono “Os Choqueiros na Lúa”. Nos premios por parellas en 1º lugar quedaron “Choquiños na Ría” en en 2º lugar “Bichos”. Na categoría individual o gañador foi o “Gato” e en 2º posición “Depredador”.

Os Estrellados leváronse o primeiro premio na categoría de grupos

Enterro do Berete

A festa continuará o vindeiro sábado en Chapela. As comparsas participante no enterro do berete concentraranse no Alto da encarnación ao redor das 17:00 horas. Acompañados da música dos percusionistas e tamborileiros Aperta a comitiva partirá ao redor das seis ata a praia de Arealonga onde está prevista a queima do berete sobre as 20:15. A continuación haberá tamén animación musical no paseo marítimo da parroquia.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará