Hoxe é Xoves 16 de Maio de 2024
Stations
NOTHING FOUND!
Current listeners: 
Peak listeners: 

Iván Valles: “Somos conscientes de que Chapela necesita un novo pavillón”

IVAN VALLES 3

O edil de deportes asegura que o prioritario é manter en bo estado as instalacións actuais pero subliña como necesidade urxente dotar a parroquia de Chapela dun novo pavillóns que dea servizo ás diferentes disciplinas que alí se desenvolven e que teñen medrado notablemente nos últimos tempos. Apunta tamén que se sigue traballando na consecución dunha pista de atletismo “un proxecto que non está sendo doado”.

A día de hoxe hai en marcha unha campaña de recollida de sinaturas promovida por unha veciña da parroquia de Chapela que demanda a construción dun novo pavillón na parroquia. Unha necesidade da que son conscientes no Concello de Redondela tal e como afirma a edil de deportes, Iván Valles, quen confirma un incremento notable de deportistas grazas ao bo traballo dos clubs da parroquia o que supón tamén unha maior demanda de espazos nos que desenvolver modalidades como a patinaxe, o balonmán ou o fútbol sala.

 Lembra tamén que nos catro centros educativos de Chapela non hai un pavillón cuberto o que supón que por exemplo o alumnado do Instituto teña que botar man das instalacións municipais para as clases de educación física. Por este motivo xa lle trasladaron á consellería de Eduación a necesidade de que lle poña remedio e dote estes centros das instalacións que precisan.

Por outra banda, subliña como outro dos seus obxectivos a creación dunha pista de atletismo que tanto veñen demandando os deportistas desta modalidade e, concretamente, dende o CAR de Redondela. “unha instalacións na que se leva tempo traballando, actualmente valorando as diferentes alternativas de ubicación”, malia que recoñece que “non está sendo doado”.

 O atletismo é unha disciplina en crecemento en Redondela, e os resultados dos deportistas do municipio están a ser “extraordinarios”, recoñece o concelleiro, que conta entre os seus obxectivos “fomentar a práctica de deportes ao aire libre”. Valles é consciente da dificultade que supón poñer en marcha un proxecto deste tipo, xa que se precisa dun gran espazo para cumprir coas dimensións dunha pista regulamentaria, pero desde o Concello “valoran diferentes alternativas para poder facelo realidade”.

En canto aos deportes náuticos, de gran peso e tradición en Redondela, o obxectivo do responsable de Deportes é poñer en marcha unha instalación para estas disciplinas en Cesantes. Trataríase dun novo Centro de Deportes Náuticos. Para Valles os clubs de remo de Chapela e Cesantes “son un motivo de orgullo para o Concello”, por iso os seus esforzos vanse centrar en dotalos de instalacións “que permitan manter a tradición desta práctica deportiva, ademais de fomentar outros deportes de mar, xa que temos un litoral con moito potencial”. Unhas novas instalacións permitirían tamén contar cun espazo axeitado “para as embarcacións e o material de salvamento marítimo de Protección Civil”, sinala o responsable da área deportiva do Concello.

Trátase de proxectos ambiciosos para os que o goberno local confía en contar “co apoio unánime do resto de grupos da corporación”, así como coa colaboración do goberno autonómico “xa que a ninguén se lle escapa que se trata de grandes inversións que a administración local non pode asumir en solitario”.

Facebook
Twitter
LinkedIn
Pinterest
WhatsApp

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará